Participará en Huesca o 7 e 8 de novembro no certame L1
O equipo de UVigo Aerotech Solaris dá o salto á competición co seu foguete Viradinha MkII
O seu obxectivo é acadar a certificación oficial para realizar lanzamentos
Esta fin de semana, 7 e 8 de novembro, o equipo estudantil de UVigo Aerotech Solaris, centrado no deseño e manufactura de foguetes, dará o salto á competición. Farao no certame L1, organizado por Surt e SpainRocketry, que se desenvolverá en Alcolea de Cinca (Huesca) e no que estudantado universitario de diferentes puntos da xeografía estatal compiten con foguetes de alta potencia deseñados, construídos e lanzados por eles mesmos. Co seu modelo Viradinha MkII, as rapazas e rapaces da UVigo tentarán obter a certificación oficial L1 de Tripoli.
O foguete Viradinha MkII, o único galego
Dentro de UVigo Aerotech, o equipo de Solaris comezou a súa actividade no curso 2024/2025. Medrando ano a ano, este curso académico nel participan 36 estudantes de diferentes graos dos campus de Ourense e de Vigo, concretamente da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo pero tamén da Escola Superior de Enxeñaría Informática, da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e da Escola de Enxeñería Industrial. Elas e eles afrontan agora con gañas e ilusión a súa participación na competición L1, inicialmente prevista para xullo pero que tivo que ser aprazada ata este mes de novembro. “Somos o único equipo galego que participa e iso énchenos de orgullo”, sinalan desde o equipo. A cita tamén é especial xa que, sinalan, será “a primeira competición de foguetería celebrada en España”, con seis equipos participantes e agardándose a asistencia de entre 70-80 persoas.
A competición L1 Surtam, destacan desde Solaris, busca fomentar a colaboración e a aprendizaxe entre os distintos equipos universitarios de foguetería de España. Na cita participarán co seu foguete Viradinha MkII. Sobre as súas características sinalan que conta con 1,23 metros de lonxitude; aviónica con telemetría incorporada; apoxeo estimado de 400-500 metros; masa total de 1,6 kg aproximadamente; velocidade máxima de 470 km/h e tempo de voo 1 minuto. En Huesca, ademais de lanzar o seu foguete, o alumnado deberá presentar un proxecto técnico e traballar aspectos como a organización, a seguridade e o deseño do vehículo.
O reto principal de Solaris nesta primeira competición é obter a certificación oficial L1 de Tripoli, un recoñecemento internacional dentro da foguetería amateur que acredita a súa capacidade para realizar lanzamentos de forma segura e controlada. Outro dos seus obxectivos clave é conseguir probar a súa aviónica en voo, con telemetría incorporada. A participación nesta cita é ademais para o equipo da UVigo unha preparación para a súa participación en EuRoC (European Rocketry Challenge), competición que se celebrará en 2027 e considerado un dos certames máis esixentes a nivel mundial.
Formación e traballo colectivo
Ao igual que no caso do proxecto de aeromodelismo Aine de UVigo Aerotech, no proxecto Solaris o estudantado traballa organizado en diferentes departamentos. No de dinámica e control encárganse de xestionar os mecanismos de control, para poder corrixir as posibles desviacións da traxectoria que sufra o foguete, así como os cambios de actitude do mesmo. Os seus membros tamén realizan un modelo matemático do foguete para estudar as súas posibles traxectorias. O departamento de aviónica ten como principal misión desenvolver tanto a electrónica do foguete como o software do ordenador de voo e seleccionar os compoñentes electrónicos adecuados que garanticen unha maior eficiencia para as necesidades dinámicas. Xa en aeroestruturas, o alumnado encárgase principalmente de elaborar os compoñentes estruturais do foguete, asegurándose da correcta ensamblaxe das diferentes partes, así como da súa compatibilidade, e de garantir un bo grao de aerodinamismo. Por último, en propulsión os seus membros son os encargados de xestionar todo o relativo ao combustible e á propulsión do foguete, deseñando un sistema de exección axeitado para o combustible utilizado, tendo en conta todas as medidas de seguridade necesarias.
Deste xeito, e alén dos resultados concretos que poidan obter en competicións, o principal obxectivo da iniciativa é que ao longo de cada curso académico o alumnado participante adquira coñecementos desenvolvendo eles mesmos un proxecto real no seu ámbito de formación e abranguendo todas as súas diferentes fases. Neste camiño, desde Solaris agradecen o apoio das entidades que colaboran co proxecto, como a Unviersidade de Vigo, Coasa, Marine Instruments, Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, atlanTTic, Aeromedia e o Centro Avanzado de Tecnologías Aeroespaciales (Catec).
