O Post-Growth Innovation Lab avalía os “marcos en disputa” arredor deste concepto
Un equipo da UVigo analiza como o debate sobre o dereito a reparar inflúe na lexislación contra a obsolescencia programada
Nun proxecto financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades
Segundo datos de Nacións Unidas, cada ano prodúcense no mundo 62 millóns de toneladas de residuos electrónicos, o que constitúe unha problemática con consecuencias ecolóxicas e sociais motivada en boa medida polas prácticas de obsolescencia programada, que promoven que produtos como os electrodomésticos ou os dispositivos electrónicos teñan unha curta vida útil. Como unha forma de loitar contra este tipo de prácticas, diferentes iniciativas da sociedade civil impulsaron a idea do dereito a reparar. Mais esta non é unha “demanda homoxénea”, senón un concepto respecto do que “existen diferentes marcos en disputa, intentando darlle significado”, como salienta o investigador do Post-Growth Innovation Lab Javier Lloveras. Identificar as diferentes visións sobre esta idea, para logo avaliar se estas vense ou non reflectidas nas leis e normativas sobre economía circular da Unión Europea son os obxectivos centrais do proxecto Attract (A Right to a Repair Society: Controversies, Opportunities and Challenges), que este grupo de investigación desenvolve co financiamento do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.
Lloveras e Mario Pansera, director do Post-Growth Innovation Lab, son os investigadores principais dun proxecto que se estenderá ata 2027 e que, ademais das e dos integrantes deste grupo, conta tamén coa participación dos investigadores Adrian Smith, da Universidade de Sussex, e Blanca Callen, da Autónoma de Barcelona.
Un “significante baleiro” en resposta á obsolescencia programada
Attract dá continuidade á investigación sobre os “imaxinarios sociotécnicos” que rodean o dereito a reparar, iniciada por Lloveras ao abeiro dunha axuda Marie Sklodowska Curie. Este concepto, lembra, xurde a comezos deste século “como unha idea en contestación” á obsolescencia programada, que engloba un conxunto de prácticas que van máis aló do feito de que un produto deixe de funcionar pasado un tempo, senón tamén dificultades para que sexa reparado ou falta de software para a súa actualización. Prácticas que, lembra Lloveras, ademais de ir “contra o interese do consumidor”, poden supor tamén “un problema de saúde pública”, dado que se trata de produtos cunhas compoñentes tóxicas, que en moitas ocasións son tratados “por comunidades dos países do sur”, sen medios para unha unha adecuada xestión.
De aí que no dereito a reparar conflúan tanto cuestións de saúde, como ambientais, legais, económicas ou éticas, dando lugar a visións diversas, ou mesmo opostas. “Nós chamámolo un significante baleiro, un termo que pode significar moitas cousas, sobre todo porque vai asociado á idea de dereito”, subliña Lloveras, investigador Ramón y Cajal. De feito, os traballos previos permitíronlles identificar “catro marcos que tratan de definir” este dereito. Un deles, “quizais dos máis fortes nos Estados Unidos”, sería o de formulalo como un dereito do consumidor, mentres que “o que domina en Europa” enfócao desde a perspectiva ambiental. A estas dúas visións sumaríase a de que se trata dunha “forma de dotar de recursos ás comunidades locais, para que cambien a súa relación coas tecnoloxías das que depende a súa vida cotiá” e outra centrada na “innovación cidadá”, que defende a necesidade de que “a sociedade sexa capaz de abrir e modificar os seus produtos”.
Dando continuidade a este traballo, un dos obxectivos do proxecto será “mapear as distintas voces e perspectivas”, a través dunha “análise de controversias”. Esta, explica Lloveras, é unha técnica da socioloxía que parte de que “as controversias da ciencia e da tecnoloxía resólvense moitas veces en base a que ideas encaixan no imaxinario dominante”. Neste punto, o investigador pon de relevo que unha vez que se impón un determinado marco arredor dunha cuestión, “hai solucións que se fan visibles, viables ou posibles”, mentres que outras perspectivas convértense en “irrelevantes ou excéntricas”.
Con este propósito, o equipo investigador realizará unha serie de entrevistas a diferentes axentes, desde activistas ou organizacións de consumidores a representantes da industria e responsables de políticas públicas. A este sumarase un traballo de “etnografía dixital”, dirixido a coñecer como interactúan a través da rede os diferentes movementos e axentes.
Como este debate se reflicte no marco normativo
Outro dos obxectivos de Attract é analizar en que medida as diferentes perspectivas sobre o dereito a reparar inflúen na lexislación e regulamentos da Unión Europea. “Queremos ver ata que punto isto se traduce no marcos normativos”, subliña Lloveras, “porque, ao final, o dereito a reparar non terá efectos materiais na vida das persoas a non ser que se converta nunha normativa”.
O equipo investigador busca tamén analizar se algúns dos discursos sobre o dereito a reparar poden ser compatibles “coa idea dunha transición a unha sociedade poscrecemento”, non dependente dun crecemento económico continuo, un dos eixes centrais do traballo do Post-Growth Innovation Lab. “Queremos tratar de entender que habería que cambiar no dereito a reparar para que non sexa algo que mellore o que hai, senón algo máis transformador”, sinala Lloveras, que lembra que “as solucións de ecoeficiencia xeran moitas veces un efecto rebote”, polo cal a posibilidade de reparar os produtos non implica necesariamente unha diminución do consumo.
Finalmente, “a última parte do proxecto sería facer transferencia á sociedade”, promovendo en Pontevedra o Social Repair Forum, un encontro dirixido a compartir os resultados da investigación e abrir un debate con axentes sociais, fabricantes, reguladores e organizacións non gobernamentais.
