O Post-Growth Innovation Lab participa nun proxecto liderado pola London School of Economics
Un equipo da UVigo analiza o papel dos imaxinarios urbanos na planificación sostible das cidades
Os traballos de campo levaranse a cabo en Barcelona e Londres
O estudo de como as sociedades poden prosperar sen necesidade dun crecemento económico continuo é un dos eixes centrais do traballo do grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab, con sede no campus de Pontevedra, un dos socios dun proxecto de investigación financiado polo goberno británico que busca afondar no papel dos imaxinarios colectivos no desenvolvemento dunha planificación urbana desvinculada do crecemento económico. Liderado pola London School of Economics and Political Science e financiado polo Departamento de Ciencia, Innovación e Tecnoloxía do Reino Unido, o proxecto combinará o traballo etnográfico cunha “novidosa análise da historia, os efectos e os imaxinarios urbanos”, como recolle o seu texto de presentación, co obxectivo de achegar “novas perspectivas” á chamada “planificación poscrecemento”, que busca orientar a planificación urbanística ao benestar ecolóxico e social.
De dous anos de duración, o proxecto Towards post-growth cities: the cultural politics of mobility transitions in Barcelona en London ten como investigadora principal a Catarina Heeckt, da London School of Economics and Political Science, e foi seleccionado na convocatoria Knowledge Frontiers, da British Academy. Este programa busca promover que investigadores e investigadoras novos do Reino Unido, nos ámbitos das humanidades e das ciencias sociais, poidan desenvolver proxectos interdisciplinarios en colaboración con investigadores doutros países. Neste caso, figuran como socios a Universidade de Amsterdam e o grupo de investigación da UVigo, a través dun convenio coa London School of Economics. “Supón estar conectado cunha das máis prestixiosas institucións do Reino Unido, que ademais está interesada en investir máis en temas como o poscrecemento”, sinala ao respecto o director do Post-Growth Innovation Lab, Mario Pansera.
Outra perspectiva da planificación urbana
Como sinalan as súas responsables, o punto de partida deste proxecto é a planificación poscrecemento, “un novo paradigma” que busca “reorientar os obxectivos do desenvolvemento humano lonxe do crecemento económico” e que ata o de agora “pasou por alto o papel fundamental” que nesa transición poden xogar os imaxinarios sociais. “Para unha transición a un mundo máis sostible é importante entender como evolucionan e cambian a cultura e os imaxinarios de como debería ser o espazo urbano”, salienta Pansera respecto do punto de partida deste proxecto, financiado con preto de 300.000 euros.
Con ese obxectivo, o proxecto combinará o traballo de campo, talleres participativos e unha análise interdisciplinaria dos imaxinarios urbanos co propósito de achegar “novas perspectivas” das transicións urbanas desde o ámbito das humanidades, xa que estas foron xeralmente abordadas, sinalan, desde disciplinas técnicas e sociocientíficas. Neste punto, un dos obxectos de análise será a “polarización” asociada a “iniciativas progresistas de mobilidade urbana” e o rexeitamento que estas xeran en determinados colectivos. Nesta análise, as investigadoras e investigadores porán o foco en dous casos concretos, os barrios de baixo tráfico de Londres e no programa Supermanzanas de Barcelona. Esta última iniciativa centrará o traballo de campo do grupo de investigación da Universidade de Vigo, quen participará tamén na “análise interdisciplinaria da historia urbana” proposta nesta investigación.