O grupo HealthyFit desenvolve o proxecto Epis co financiamento do Plan Social Ence Pontevedra
Un equipo da UVigo busca mellorar a calidade de vida das persoas co párkinson a través do adestramento de forza
Esta iniciativa lévase a cabo coa colaboración da asociación Apropark
Investigadoras e investigadores do grupo HealthyFit da Universidade de Vigo desenvolven un programa de exercicio físico personalizado, baseado no traballo con bandas elásticas, que ten como obxectivo mellorar a autonomía, funcionalidade e calidade de vida das persoas coa enfermidade de Párkinson. Financiado polo Plan Social Ence Pontevedra, o proxecto El ejercicio físico como motor promotor de la inclusión de los enfermos con párkinson en la sociedad (EPIS) lévase a cabo coa colaboración da Asociación Párkinson da Provincia de Pontevedra (Apropark). Preto de 25 usuarios e usuarias desta asociación toman parte nun programa centrado en aumentar a súa forza tanto no tren superior como no inferior, co obxectivo de que este contribúa “a mellorar a súa posición corporal e equilibrio”, así como a diminuír as “alteracións na marcha” provocadas por esta enfermidade, explica o investigador principal do grupo, o catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José María Cancela.
“Buscamos mellorar a mobilidade das persoas participantes e, a través disto, contribuír a unha mellora da súa calidade de vida”, subliña Cancela. Neste sentido, esta iniciativa baseada no uso do exercicio físico, “como unha ferramenta transformadora”, pretende contribuír tamén á “inclusión social” das persoas con párkinson. O propósito deste programa de exercicio adaptado, engade, non é tanto “que gañen masa muscular no tren superior e no inferior, senón que esta ganancia de forza muscular se traduza en melloras de autonomía funcional”. Ao mesmo tempo, o programa fundaméntase “na idea de que o movemento corporal, ademais de fortalecer fisicamente” tamén ten “un impacto positivo no benestar emocional, a autoestima e as relacións sociais” das persoas afectadas por esta enfermidade neurodexerativa. De feito, un dos propósitos deste proxecto é que, unha vez finalizado, as e os participantes poidan seguir realizando este programa de exercicios de forma autónoma.
Un programa “o máis personalizado posible”
Esta iniciativa arrancou no mes de xullo cunha presentación do proxecto ás preto de 25 persoas participantes e as primeiras sesións de exercicio adaptado. Desde comezos de setembro, esta iniciativa abrangue dúas sesións semanais de traballo de 50 minutos, que se levan a cabo no local de Apropark no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Benito Corbal. Todas elas abranguen un conxunto de exercicios con bandas elásticas con diferentes niveis de resistencia, dirixidas á mellora do sistema neuromuscular, e estenderanse ata o mes de decembro.
“O obxectivo é facer programas de exercicio físico personalizados, en función das limitacións funcionais” e das necesidades específicas de cada paciente, apunta Cancela. De feito, entre as e os participantes no estudo atópanse desde persoas no estadio 1 da enfermidade a pacientes que se atopan xa no estadio 4, definido por síntomas de maior severidade. Nese senso, o propósito deste programa é que, nas etapas clínicas máis iniciais, contribúa a atrasar “o máximo posible a evolución da enfermidade”, mentres que no caso das persoas afectadas por estadios máis avanzados axude “a mellorar o seu estado físico”, sinala o tamén integrante do Instituto de Investigación en Ciencias do Deporte (Cidega).
Isto implica á súa vez “un traballo moi específico” con cada paciente, no que non só varía a resistencia das bandas elásticas que emprega cada quen, senón tamén a intensidade ou o número de repeticións a realizar. De aí que o programa se leve a cabo con grupos “de máximo de seis persoas” en cada sesión, co propósito de que as investigadoras Adriana López e Paula Lorenzo poidan traballar con elas “de forma case que individualizada”.
De feito, apunta Cancela, a idea é que as avaliacións se leven a cabo tamén de xeito individual, ao tempo que buscarán “ver o comportamento que ten o adestramento en función” das etapas clínicas da enfermidade, prevendo que este poida “ter máis beneficios no caso das persoas nun estadio máis avanzado”. Con ese propósito, antes do inicio do programa levouse a cabo unha primeira avaliación, que agrupa un conxunto de probas de “equilibrio dinámico, equilibrio estático, niveis de forza, coordinación, benestar psicolóxico e social”, e sintomatoloxía motora e non motora asociada a esta enfermidade, apunta Cancela. Deste xeito, o equipo investigador busca coñecer en que medida este tipo de exercicios contribúen “a que se reduzan os tremores ou os bloqueos vinculados á sintomatoloxía propia da enfermidade”. Con ese obxectivo, realizaranse novas avaliacións tanto nunha fase intermedia como ao remate do proxecto.
Exercicios a integrar na vida diaria
Outro dos obxectivos é que as e os participantes adquiran os coñecementos necesarios para poder realizar este traballo físico “de forma autónoma” e integralo na súa vida diaria. De feito, todos eles recibirán ao seu remate tanto bandas elásticas como unhas guías para a realización dos exercicios, ao tempo que se trasladarán tamén os resultados a Apropark, “para que a propia asociación poida implantar este tipo de programas”, salienta o responsable do grupo HealthyFit.
