DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Bos resultados tamén para os equipos de duatlon e rugby que asegurou a permanencia

O equipo de xadrez ascende ao terceiro posto da clasificación da División de Honra e sitúase a un punto do líder

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 18/02/2008

Un punto separa ao equipo de xadrez da Universidade de Vigo do líder da División de Honra, o Padrón A, que supera á súa vez en medio punto ao segundo clasificado, o Círculo Ferrolá de Xadréz.
O equipo vigués acadou o terceiro posto da clasificación tras derrotar cun marcador de 0.5 a 3.5 ao SAFA A de A Coruña que pecha a clasificación despois de disputarse cinco xornadas. No enfrontamento ante o equipo coruñés o capitán do Universidade de Vigo volveu apostar polas rotacións, dando descanso a Miguel Senlle, o que permitiu o debut en liga de Manuel Núñez.
Na próxima xornada o Universidade medirase ao Fotecarmoa-Casa da Xuventude de Vilagarcía de Arousa, mentres que o primeiro e o segundo clasificado xogarán entre eles.
Pola súa banda o equipo de Segunda División impúxose con autoridade sobre o Infortui B e consolídase como líder da categoría por riba do Breogán A do que lle separa medio punto. Precisamente na próxima xornada enfrontaranse primeiro e segundo clasificado.

O equipo de rugby asegura a permanencia

A vitoria por 5-3 ante o Oviedo asegura a permanencia do equipo de rugby da Universidade un ano máis na División da Prata. Nun partido cheo de imprecisión no ataque e no que a emoción mantívose ata o final, o equipo vigués asegurou a permanencia a falta dunha xornada.
O ensaio foi obra de Maxi nun partido no que xogaron de inicio polo equipo vigués: Iñaki, Agustín, Gaston, Nacho Lobón, Josemari, Paco, Antonio, Xosé, Santi, Jon Iker, Arri, Mauro, Xico e Chuki.

Segundo posto do equipo feminino no II Duatlón Concello de Teo

As integrantes do equipo feminino da Universidade de Vigo de duatlón foron as grandes vencedoras no II Duatlón Concello de Teo. Mentres o equipo logrou o segundo posto na clasificación por equipos, Marta Consuegra acadaba o terceiro posto absoluto, tras unha gran remontada no sector bicicleta.
Pola súa banda o equipo masculino logrou o sétimo posto na proba disputada sobre distancia sprint: 5 quilómetros de carreira a pé, 20 quilómetros de bicicleta de estrada e outros 2,5 de carreira a pé.
A segunda proba puntuable do Circuíto Galego de Duatlón de Estrada terá lugar en Lugo o vindeiro domingo, 24 de febreiro.