DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo de xadrez mantense nos primeiros postos tras empatar na casa co “Breogan A”

O equipo de rugby, na segunda rolda da Copa Xunta de Galicia

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI DUVI 25/02/2008

O equipo de xadrez logrou esta fin de semana a quinta vitoria da tempada, manténdose no terceiro posto da xeral, empatado co segundo e a tan só medio punto do líder, o “Padrón A” que polo momento aguanta ben a forte presión dos equipos que o perseguen.
A baixas foron as protagonistas do encontro, tanto que o capitán tivo que subir ao primeiro equipo aos xogadores escolares Xosé Luís Cebrián e Samuel Villar. O encontro discorreu de dúas maneiras completamente diferentes; por un lado, a tranquilidade que ofreceron o capitán e Miguel Senlle nos dous primeiros taboleiros, anotando con bastante comodidade os primeiros puntos a favor dos universitarios; e, por outra banda, a emoción e a incerteza que se deu nos taboleiros restantes, xa que os catro estiveron por momentos con clara vantaxe, ou con igualdade absoluta e incluso completamente perdidos. Finalmente acadaron a victoria Manuel Núñez e o debutante Xosé Luís Cebrián, empatou Ramón Garza e caeu derrotado o outro dos debutantes, o recentemente Campión Sub14, Samuel Villar.
No caso do equipo escolar, o “Univ. Vigo-XG”, mantén o liderado tras empatar co segundo clasificado, o “Breogan A”, no que se presentaba como o choque máis atractivo da liga de Segunda División, xa que ambos equipos estanse a amosar como moi superiores aos seus rivais.
Nesta ocasión, pese as baixas de Cebrián e Villar, o equipo demostrou ser un bloque moi compacto no que calquera dos seus xogadores defende con plenas garantías o taboleiro que sexa e diante de calquera rival.
Xogaron, Daniel Vila, Brais Otero, Rubén Alonso e Marina Aguirre e os catro acadaron o empate ante rivais con moita máis experiencia procedentes da Primeira División. Polo tanto, 2 a 2,que deixa igual a cabeza da táboa clasificatoria.
A próxima xornada o equipo da División de Honra vivirá un importante derbi universitario coa visita ao campus de Vigo do Universidade de Santiago nun momento moi delicado para eles, xa que se atopan fóra dos postos da “Final a Catro”, e unha derrota en Vigo deixaríaos case sen opción algunha.
O “Chigorin Cangas” terceiro da xeral, será o rival do equipo escolar na seguinte rolda, un encontro no que os de Cangas intentarán por todos os medios posibles conseguir unha vitoria que lles permita seguir optando a subir de categoría, xa que este ano as dúas prazas que dan ascenso á Primeira División Galega de Xadrez teñen firmes candidatos no equipo escolar da Universidade de Vigo e no “Breogan A” do Grove.

O equipo de rugby, adiante na Copa Xunta de Galicia

Coa permanencia xa asegurada, o Universidade de Vigo de Rugby desputou esta fin de semana a primeira rolda da Copa Xunta de Galicia. Ante o Ingleses de Vilagarcía, os universitarios impuxéronse por 5-71, resultado contundente que reflicte o discorrer do partido, para o que Babini aliñou a varios xogadores non habituais. A vindeira fin de semana, ante o Cisneros de Madrid, o Universidade xogará o derradeiro encontro da División de Honra B. Os vigueses tentarán rematar cunha vitoria a competición, aínda que os madrileños pelexarán por gañar, xa que perderon en Vigo na primeira volta.
Pola súa banda, o equipo xuvenil, que si xogou na competición regular, venceu en Lalín por 17-32, mentres que os cadetes, tamén na capital do Deza, perdían por 17-0.
Porén, boa parte do protagonismo na fin de semana foi para o equipo feminino, que non xogou o partido que as medía co Universidade de A Coruña na cidade herculina. A falta de médico e ambulancia no campo fixo que as viguesas pararan o encontro ante o líder da táboa, xa que este feito supón un incumprimento grave da normativa. Foi no minuto 17 cando o Universidade de Vigo se plantou ao decatarse da ausencia dos facultativos médicos e a pesar de que, tanto o árbitro como o combinado local, insistiron en que a ambulancia estaba de camiño. Despois de máis de media hora de espera, o plante foi definitivo e o encontro suspendeuse á espera do pronunciamento da Federación Galega de Rugby, xa que o colexiado permitiu o comezo do partido, aínda coñecendo este feito.