DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao fío da celebración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQA+

Erguendo a voz polo Orgullo: compromiso, memoria e diversidade nas aulas

Súmase ao manifesto da Red de Universidades por la Diversidad

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Diversidade
  • Institucional
DUVI 30/06/2026

Como membro da Red de Universidades por la Diversidad (RUD), a UVigo reafirma, co gallo da celebración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQA+, “o seu compromiso inquebrantable cunha universidade crítica, segura, inclusiva e orgullosamente diversa, que non se limite a tolerar a diferenza, senón que a recoñeza, celebre e defenda como condición indispensable para a xustiza social, a produción de coñecemento, a convivencia democrática e a paz entre os pobos”.

Así se recolle no manifesto emitido pola RUD, que reivindica que se poña freo á escalada de agresións e sinalamentos cara ás persoas LGTBIQA+; expresa a súa total oposición as mal chamadas terapias de conversión, esixindo a súa persecución e penalización; demanda o recoñecemento das realidades non binarias e intersex; e a erradicación do “sexilio”, que obriga ao colectivo a abandonar os seus fogares por causa da LGTBIfobia. 

O manifesto da RUD defende unha universidade onde todas as persoas poidan ser, vivir, estudar, investigar, ensinar e traballar sen medo e a Rede reivindícase como feminista, LGTBIQA+, transincluinte, despatoloxizante, antiracista, anticapacitista, plural e profundamente comprometida coa xustiza social e a paz. 

Broche de ouro ao mes da diversidade: Feria Marica e Unidiversidade 

Co gallo da conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQA+, a UVigo puxo o broche de ouro a o mes da diversidade. “A través de accións de visibilización e debate, a universidade sitúase na vangarda da defensa social, lembrando que a vida académica debe ser, ante todo, un reflexo de xustiza e igualdade real”, sinala Raquel Rey, directora da Unidade de Diversidade.

Coa celebración o pasado día 20 no campus de Pontevedra da Feria Marica, promovida pola estudante de Belas Artes Carmen Romero e que se confirmou como un punto de encontro para visibilizar as realidades do colectivo a través da arte e do activismo xuvenil; e do proxecto sonoro Unidiversidade, “un espazo de comunicación e colaborativo que conta xa con dúas entregas fundamentais nas que se escoita de forma directa a voz do propio estudantado, do profesorado e de diferentes asociacións e colectivos sociais estreitamente vinculados á contorna dos nosos campus universitarios”, explica Rey, “a UVigo pecha un Día do Orgullo LGTBIQA+ reivindicativo, lembrando que a loita pola igualdade non se detén e que non se dará nin un só paso atrás na conquista dos dereitos das persoas da nosa comunidade universitaria”.