DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Chega ás librarías ‘Crítica del hipercapitalismo digital’, último libro do profesor Albino Prada

Esbozando as implicacións “a miúdo ignoradas” da automatización masiva do traballo

O autor defende un modelo de crecemento inclusivo, onde o prioritario é o emprego “de calidade"

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Publicacións
  • Investigación
D. Besadío DUVI 03/04/2019

Un ensaio no que se analizan os cambios que as grandes empresas da economía global, desde Google, a Facebook pasando por Microsoft, Apple ou IBM, están a producir no emprego, a fiscalidade, a sociedade ou a política. Estes días chegou ás librarías Crítica del hipercapitalismo digital, o último libro do profesor e investigador da agrupación estratéxica Ecobas Albino Prada, unha obra na que afonda nas “a miúdo ignoradas” múltiples implicacións da automatización masiva do traballo.

Que é exactamente o hipercapitalismo dixital?  Con esta expresión o autor refírese a cando a dixitalización, a informatización e a automatización permiten que moi poucas empresas e grupos de investimento controlen e modifiquen a escala global as formas de produción e de distribución de riqueza do vello capitalismo industrial e financeiro. “Alphabet-Google ou Amazon son dous bos exemplos de control global da publicidade ou dos canais de distribución, da xeración de novos procesos e produtos para un mercado global as 24 horas do día”, explica o autor do libro, quen fai fincapé en que este “poder de mercado” imponse aos axentes tradicionais, xa sexan empresas ou gobernos, disolvendo as formas salariais e as relacións laborais, “posibilitando o que eu denomino unha absoluta abdución neoliberal e que Bill Gates, sen asomo de pudor, denomina capitalismo sen friccións”.

Abducidos polo mercado e pola dixitalización invasiva

Máis concretamente, Prada fala dunha dobre abdución: a dunha lóxica do mercado, “a que nada humano sería xa alleo”, e a asociada á dixitalización invasiva de todas as actividades realizadas polo ser humano. Partindo deste núcleo argumental divide o libro en dúas partes, compostas de cinco capítulos cada unha. A primeira parte dedícase a discutir as cuestións e ideas máis xerais: utopía dixital, os tecnopolitas, a intelixencia artificial, a automatización, o principio de precaución, os infomonopolios, a sociedade de mercado, o turboconsumismo, a economía 4.0, a secesión dos novos ricos ou a pos-democracia.

Xa na segunda, achégase a esas mesmas cuestións, pero centrándose no ámbito español e europeo, detallando primeiro, sectores e intensidade da dixitalización, os seus efectos sobre o emprego, sobre a natureza das actividades ou sobre a desigualdade e o Estado social. Un dos debates sobre a dixitalización e a robotización ten que ver co emprego e, neste sentido, o autor do ensaio destaca que os tecnófilos ou optimistas, por exemplo o Banco Mundial, sinalan que haberá ao cabo xeración neta de emprego, que se creará máis do que destruirá, mentres que, pola contra, o MIT traballa con escenarios de taxas de paro superiores ao 50% a escala mundial, un escenario moi pouco optimista. “No meu libro presento o balance para España e entre 2008-2018: a cousa é que se destruíron catro empregos en actividades dixitalizadas (na industria, o comercio ou nas finanzas) por cada un dos que agromaron en actividades vencelladas á dixitalización. Un balanzo preocupante”, destaca Prada.

“Froiz ou Mercadona xeran o triplo de emprego por millón facturado que Amazon”

En base a esta afirmación, noutro capítulo do libro Prada defende a perspectiva xaponesa nesta cuestión. “Non é Xapón un país tecnófobo (abonde dicir que sería iluso por parte de España pretender igualar o seu nivel tecnolóxico) pero teñen unha cousa clara: que ao carón de sectores exportadores moi automatizados no que se deu en chamar industria 4.0 ten que haber moitas actividades (nos servizos persoais, públicos, no comercio, ensino, sanidade, etc.) onde o prioritario é o emprego de calidade e a calidade da atención persoal ó usuario”, recalca o economista, que insiste na idea  de que o que se debe buscar é “un modelo de crecemento deste século” que, ao seu parecer, ten que ser inclusivo. Para logralo, Prada recalca que a xeración de emprego en actividades orientadas cara o mercado interno debe ser un vector estratéxico. “Froiz ou Mercadona xeran o triplo de emprego por millón facturado que Amazon. Temos que botar ben todas as contas: como consumidores, como demandantes de emprego ou como cidadáns si queremos un Estado do Benestar, se non imos a  vivir en paraísos fiscais”, recalca o autor.

“Non se pode aceptar que os sistemas fiscais e de protección social se debiliten máis”

O ensaio de Prada péchase cun capítulo no que o autor resume as reformas necesarias para conseguir unha economía 5.0 que embride a economía 4.0: reaxustar o local e o global, encetar unha fiscalidade internacional (“de entrada na Unión Europea”), reforzar a fiscalidade nacional, redistribuir ocupacións e rendas e, por último, equilibrar mercado, Estado e pro-común. 

“En cada caso detállanse no libro moitas propostas concretas, pero si tivera que nomear unha reforma estratéxica de longo percorrido diría que unha sociedade que, afortunadamente, pode xerar a cada paso máis riqueza con menos traballo directo, non debera aceptar que iso se traduza en multimillonarios por unha banda e crecentes moreas de excluídos, inmigrantes e precarizados por outra. Non pode aceptar que os sistemas fiscais e de protección social, baseados en gravar o consumo e os salarios, se debiliten máis a cada paso”, recalca o ensaista, quen fai fincapé en que un dos retos fundamentais deste século é “distribuír entre todos o a cada paso menor tempo de traballo preciso, e facelo participando todos da crecente riqueza producida”.