DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mes arranca a sétima tempada do programa semanal que difunden a través da rede

O escaparate radiofónico do alumnado de CCSS e da Comunicación colle impulso 

Mércores e xoves levarase a cabo a selección de novas e novos integrantes do equipo

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • TIC
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 07/12/2020

A situación xerada pola covid-19 provocou que o pasado mes de marzo rematase antes do previsto a sexta tempada de Radio Escaparate, un programa radiofónico que desde 2015 levan a cabo estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Tras meses de parón, as e os responsables deste espazo, que difunden a través de iVoox, Spotify e PontevedraViva Radio, buscan neste mes de decembro dar inicio a unha nova tempada. Previamente, mércores e xoves levarán a cabo un cásting dirixido a incorporar estudantado da facultade aos diferentes equipos de traballo do proxecto.

“Queremos facer o cásting e empezar xa co programa en decembro”, salienta Ángela Aboy, estudante do grao en Publicidade e Relacións Públicas e nova directora de Radio Escaparate, un programa que ata o de agora gravaban cada semana no estudio da facultade. Mais a situación sanitaria e as limitacións de aforo ás que obriga farán que no presente curso este espazo vaia realizarse a través da rede. “Decidimos que a única forma de que o proxecto seguise adiante era facelo online e niso estamos agora”, engade Pedro Javier Miguelez, estudante de Comunicación Audiovisual e anterior director deste magacine semanal.

Un programa feito por e para o alumnado

A incorporación de novos e novas membros ao equipo determinará en boa medida os contidos e seccións que finalmente protagonicen a sétima tempada do programa, como apunta Aboy. “A idea é que, unha vez que estea o equipo pechado, cada un dea a súa opinión”, salienta a directora e presentadora, xunto con Noelia Sánchez, deste espazo radiofónico en galego. Non obstante, con independencia da súa estrutura final, o obxectivo das e os actuais responsables de Radio Escaparate é que o programa non se centre na actualidade do campus, “pero que si vaia dirixido a universitarios”, tratando de reunir, desde unha óptica “máis informal”, como sinala Miguelez, contidos que poidan ser de interese para un público novo, “sendo sempre conscientes do difícil que é que che escoiten, xa que hai millóns de podcast”.

A cantautora María Xosé Silvar, Sés, o presentador Xosé Ramón Gayoso, a cantante, presentadora e egresada da facultade Fátima Pego, o actor Alfonso Agra ou a piragüista e investigadora da Facultade de Ciencias da Educación e  do Deporte Tania Álvarez Yates foron algúns dos entrevistados na pasada tempada do programa. “Gústanos a radio e queremos facer algo que a nós nos gustaría escoitar”, salienta Aboy dun programa que, desta volta, realizará cada un desde o seu domicilio, “o que vai cambiar sobre todo a sensación de grupo”, recoñece. Así mesmo, nesta nova tempada, proxectan acompañar a publicación dos programas con diferentes contidos en vídeo para redes sociais como Instagram TV ou TikTok.

Renovarse para continuar

Incorporar novas e novos membros que substitúan a aqueles e aquelas que rematan a súa etapa universitaria é o obxectivo do cásting que levarán a cabo o mércores de xeito presencial na facultade e o xoves de forma virtual. “Queremos incorporar moita xente. Estamos intentando facer canteira, porque, dos que quedamos, os que non están no último ano de carreira, estamos no penúltimo”, explica Aboy. Así, nestas probas buscarán incorporar novos locutores e locutoras, así como membros dos departamentos de son, fotografía e vídeo, deseño e xestión de redes sociais, que se sumen aos dez integrantes que permanecen no equipo do curso anterior. Entre eles, Javier Miguelez, que busca “axudar un pouco a que o proxecto se poña de novo en marcha e ver se no cásting entra xente nova para dar un paso ao lado”. Membro do equipo do programa desde o seu primeiro curso na facultade, este a alumno destaca da experiencia vivida nestes anos a oportunidade que supuxo para “coñecer un grupo de xente que ten unha paixón común, e, sobre todo, a posibilidade de aprender facendo radio, que che dá bastantes táboas para cando saias da Universidade”.