DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O enclave foi visitado este sábado por Manuel Reigosa e Román Rodríguez

A escavación arqueolóxica na Ciadella permite determinar as fases de ocupación deste campamento militar romano

O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio realizou a intervención

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Visitas
  • Investigación
DUVI Ourense 16/11/2020

O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo vén de completar unha campaña de conservación-restauración do xacemento arqueolóxico da Ciadella, no concello coruñés de Sobrado, que permitiu determinar as diferentes fases de ocupación deste campamento militar romano así como sacar á luz importantes restos e pezas de cerámica. A intervención forma parte dun proxecto que arrancou o pasado mes de marzo con financiamento da Xunta de Galicia e que serviu para descubrir un gran patio, sacar á luz un novo tramo da ‘via sagularis’, identificar un gran ‘horreum’ e documentar un pórtico monumental. Para coñecer de primeira man estes avances, o xacemento foi visitado este sábado por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade.

O proxecto, no que o Goberno galego inviste preto de 240.000 euros e que está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (80%), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, remata agora despois de desvelar novos detalles sobre este forte militar. Durante a visita, o titular de Cultura e Educación salientou a importancia dos restos atopados, así como a calidade do traballo “levado a cabo polos técnicos da Universidade de Vigo durante este meses”. Nesta mesma liña, Román Rodríguez celebrou que os achados permitan ter máis coñecemento "deste complexo e importante asentamento militar para seguir afondando no noso pasado romano”.

Catro décadas antes do que se pensaba

O traballo realizado polo GEAAT baixo a dirección do arqueólogo Adolfo Fernández permitiu definir as fases cronolóxicas de ocupación deste xacemento, determinando que a súa construción foi no século I despois de Cristo, o que supón que se realizou catro décadas antes do que se pensaba, segundo explican os responsables do proxecto. Aínda que o equipo continúa analizando os restos, estableceuse tamén que os militares abandonaron o asentamento a finais do século III e que as estruturas foron reutilizadas como vivendas e talleres ata o século VII.

A escavación arqueolóxica descubriu un gran patio no centro das estancias xa coñecidas e permitiu rexistrar por completo unha superficie de 1800 metros cadrados. Ademais, ao longo dos traballos tamén sacaron á luz un novo tramo do camiño perimetral do forte romano, a 'via sagularis', no exterior do campamento. Entre os achados destaca a identificación dun gran 'horreum' de planta rectangular destinado a gardar os alimentos das tropas ou a documentación dun pórtico monumental no edificio principal que supón “un exemplo único do Imperio Romano neste tipo de construcións”. Ademais, os traballos tamén permitiron recuperar milleiros de restos, especialmente de cerámica, pero tamén de vidro e metal, así como moedas, segundo indican os seus responsables.

Todo o material recuperado está sendo estudado nos laboratorios do GEAAT, na Facultade de Historia do campus de Ourense. En paralelo, estanse a desenvolver estudos multidisciplinares que abarcan desde datacións de carbono 14 (Beta Analytic) e termoluminiscencia (Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal da UDC), estudos de caracterización de morteiros (Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da UVigo), estudos de arqueobotánica (Universidade de Porto) e tamén de zooarqueoloxía (Universidad de León).