DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora Begoña Paz forma parte do equipo coordinador do Laboratorio da Infancia

Escoitar aos nenos e nenas para mellorar a súa calidade de vida

Nestas semanas desenvólvense unha serie de talleres con escolares

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 07/03/2022

Impulsado pola Concellería de Educación, a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (Edusi) e financiado nun 80% polo fondo europeo Feder, o proxecto Laboratorio da Infancia comprende, xunto con outras accións, a elaboración dunha estratexia educativa dirixida a mellorar a calidade de vida da poboación infantil. Articulada como un proceso participativo, a definición desta estratexia abrangue por unha banda a análise que levan a cabo diferentes grupos de expertos e expertas, entre os que se atopan cinco docentes da Universidade, así como a recollida das opinións e propostas dos propios nenos e nenas. Con ese obxectivo, cinco colexios do municipio acollen nestas semanas unha serie de talleres, centrados nos eixos temáticos deste laboratorio e dirixidos a coñecer “de forma directa que melloras implantarían e que cambiarían na cidade en base á súa experiencia”, como explica Begoña Paz, profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e membro do equipo coordinador deste proxecto.

“Non se trata só de escoitar, senón tamén de que sexa un proceso educativo para eles”, sinala Paz, responsable da parte de investigación dun proxecto que abrangue o deseño dunha serie de actividades dirixidas a recoller as perspectivas da infancia respecto das cinco temáticas do laboratorio: o espazo público, a cultura, a vida saudable, a sociedade e o medio ambiente. Integrado por Ana Barreiro e África Martínez, responsables da adxudicataria do proxecto, Taller Abierto, e encargadas de coordinación xeral, a profesora do CEIP A Xunqueira I Carmen Quinteiro, como asesora pedagóxica, e Begoña Paz, o equipo coordinador encargouse da elaboración dunha serie de recursos e materiais para ese labor de recollida de información. “Esta funcionando moi ben”, recoñece Paz dunha serie de actividades que parten de “secuencias gráficas, como se fose un cómic, ou de presentacións con imaxes da cidade...”, e que serven como base dos talleres que levan a cabo con estudantes de entre 3º e 6º de primaria.

Máis de 200 escolares participan nun proceso que arrancou a mediados de febreiro e que se leva a cabo nos CEIP Barcelos, A Xunqueira I, Santo André de Xeve, Ponte Sampaio e Marcos da Portela. Cada unha das temáticas, explica Paz, trabállase en dous centros diferentes, mantendo o mesmo grupo nas dúas actividades que se levan a cabo en cada colexio. “Aínda que os recursos son diferentes e cada actividade ten un deseño distinto”, os diferentes talleres abranguen unha parte inicial de “situar os temas” e un traballo por grupos na definición de propostas. “A idea é introducir tamén unha dinámica de participación, que falen entre eles”, sinala Paz, que explica que cada taller péchase sempre “cunha parte final expositiva na que teñen que contar ao grupo as ideas que acordaron”. A idea é que nenas e nenos trasladen “que cousas lles gustaría cambiar e que outras opcións lles gustaría ter”, engade a docente, que recoñece que hai temáticas “como a social, que teñen moi interiorizadas e nas que fan propostas moi concretas”. 

Nenos, expertos e cidadanía

As opinións que o equipo responsable do proxecto compila nesta serie de talleres, que se pechan este venres no CEIP Marcos da Portela, súmanse ás reunidas nas cinco mesas de traballo de expertos e expertas, que iniciaron o pasado mes de novembro unha serie de reunións. Partindo, como explica Paz, dunha “análise DAFO”, na que recoller as “debilidades e fortalezas” de cada temática en relación coa infancia, a presidenta ou presidente de cada mesa tiña que elaborar un documento cunha serie de liñas de accións, que se presentarán nunha serie de encontros na sede da Vicerreitoría do campus.

Esta iniciativa arrancará o vindeiro xoves 17 ás 19.00 horas, coas conclusións do Lab Sociedade, que preside a investigadora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte María Lorenzo. Á semana seguinte corresponderalle ao Lab Espazo Público, mentres que o 31 de marzo presentaranse as conclusións do Lab Cultura, presidido pola tamén docente de Ciencias da Educación e do Deporte e directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e de Integración do campus, Eulalia Agrelo, e do que tamén forma parte a docente de Belas Artes María Covadonga Barreiro. Xa en abril terán lugar, os días 4 e 7, os encontros do Medio Ambiente, que preside o profesor da EE Forestal e director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto; e do Lab Vida Saudable, que ten á fronte á tamén docente de Ciencias da Educación e do Deporte Marián Fernández Villarino. Trátase, como explica Paz, de “reunións abertas á cidadanía”, que buscan tamén “recoller ideas” da súa participación de cara á elaboración dunha “memoria final do proceso” que englobe as diferentes perspectivas e que reúna “a partir destas liñas, unha serie de medidas que poidan implantarse”.