Está aberto á participación das persoas interesadas
A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo convoca a cuarta edición do seu concurso de fotografía AeroVision
O prazo de presentación de obras remata o 20 de marzo
A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense ten convocada a cuarta edición do seu certame de fotografía AeroVision. Nel convídase ás persoas interesadas a presentar as súas mellores imaxes no ámbito aeronáutico e/ou espacial. A iniciativa celébrase co gallo da conmemoración do Día Internacional dos Voos Espaciais Tripulados e do Día da Cosmonáutica o 12 de abril.
Cada persoa pode participar cun máximo dunha obra, tendo que ser orixinal e inédita e non presentada con anterioridade noutros concursos, webs ou calquera outro medio dixital ou impreso. As imaxes deben amosar situacións, paisaxes ou circunstancias relacionadas co ámbito aeronáutico e/ou aeroespacial. Admítense obras en branco e negro e en cor realizadas mediante calquera técnica fotográfica. As propostas teñen que enviarse ao enderezo electrónico aerovision@uvigo.es cumprindo unha serie de requisitos recollidos nas bases (como formato jpeg, tamaño máximo de 5MB e resolución mínima de 200 ppp). Ademais do título da fotografía e autoría, deberá incluírse unha descrición en cinco liñas da imaxe coa adecuación á temática do concurso. A data límite de recepción de fotos é o 20 de marzo de 2026 ás 23.59 h.
Un xurado, formado por representantes do sector aeronáutico e/ou aeroespacial, da fotografía e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo escollerá as obras gañadoras. A resolución dos premios terá lugar o Día Internacional dos Voos Espaciais Tripulados e o Día da Cosmonáutica, o 12 de abril. Os galardóns do concurso serán os seguintes: o primeiro premio será un dron, o segundo un telescopio e o terceiro uns prismáticos. As fotografías presentadas pasarán a ser propiedade exclusiva da escola organizadora, non podendo ser utilizadas polo autor ou autora noutros concursos ou publicacións. As obras gañadoras exporanse temporalmente en instalacións do campus de Ourense.
