Co gallo da celebración da fase galega da XVII Olimpíada de Xeoloxía
A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía acolle un cento de estudantes que poñen a proba os seus coñecementos xeolóxicos
O centro será sede da fase española o vindeiro mes de marzo
Máis dun cento de estudantes de 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato de preto dunha vintena de centros da provincia de Pontevedra poñen a proba ao longo deste mércores os seus coñecementos xeolóxicos na fase galega da XVII Olimpíada de Xeoloxía que acolle a Escola de Enxeñaría de Minas de Enerxía da UVigo. Ata esta tarde, as e os participantes enfrontaranse a un exame teórico e unha xincana xeolóxica, ademais de poder participar en diversas actividades organizadas pola Escola, baixo a dirección da docente e investigadora Raquel Pérez Orozco e impartidas por PDI do centro.
Organizada pola Asociación Española para la Enseñanza de Ciencia de la Tierra (Aepect), co apoio da Sociedad Española de Geología e o Colegio Oficial de Geólogos, a fase galega da Olimpíada de Xeoloxía é unha actividade educativa coa que se pretende fomentar o interese polos contidos propios da xeoloxía e do conxunto das ciencias da terra; animar ao alumnado que participa a comezar estudos universitarios relacionados coa xeoloxía e destacar a importancia dos estudos deste ámbito do coñecemento para a preservación do medio natural, a xestión racional dos recursos ou a adopción de medidas ante impactos e riscos xeolóxicos, como o ocorrido co gallo da erupción en Cumbre Vieja.
Unha xornada para avaliar coñecementos e gozar
Ata a finalización da xornada, prevista para as 18.00 horas co acto de entrega de premios e diplomas de participación, o centro de estudantes de centros de Vigo, Salvaterra, Redondela, Gondomar, Salceda de Caselas, O Porriño, Ponteareas, Tui e Bueu, poderán, ademais de medir os seus coñecementos, participar en catro actividades centradas en diferentes ámbitos nos que o coñecemento da xeoloxía é un recurso necesario.
Paleo 3D, O Crebacabezas dos materiais, Intelixencia Artificial para o recoñecemento de minerais e Piro&Tecnia son as actividades que organizadas pola responsable na Escola de divulgación científica, Raquel Pérez Orozco, e impartidas por PDI vinculado ao centro, nas que pode participar este mércores o estudantado.
Sede doutra fase da Olimpíada en marzo
Tras acoller hoxe a fase galega da Olimpíada, a Escola de Enxeñaría de Minas de Enerxía da UVigo volverá ser sede o vindeiro 21 de marzo, nesa ocasión da fase española á que poderán concorrer as persoas gañadoras da cada fase territorial. Das probas que se celebrarán o día 21 de marzo sairá a selección que competirá na fase internacional que terá lugar do 20 ao 27 de agosto en Italia.
