DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A comisión avaliadora destacou o alto nivel dos traballos presentados

A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía entrega os seus premios ás mellores fotos e curtametraxes enerxéticas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI 09/12/2021

Os concursos de fotografía e de curtametraxes que organiza a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía téñense convertido xa nun clásico para o centro. A través deles búscase dar a coñecer as titulacións que se imparten na EEME e fomentar o uso sostible dos recursos minerais e enerxéticos, converténdose nun escaparate da profesión e un punto de encontro coa sociedade. Este xoves o vestíbulo da escola acolleu a entrega dos premios aos gañadores destes dous certames, un acto que contou coa presenza do subdirector de Relacións Exteriores e Mobilidade, Santiago Pozo, que foi o encargado de dar a coñecer as persoas gañadoras, que asistiron presencial ou virtualmente.

Pozo deu as grazas a todas e todos os participantes en ambos certames así como aos membros do xurado, composto polos profesores Teresa Rivas e David Patiño, a estudante Carmen Filgueiras, a PAS Mª del Carmen Romo e o profesional da imaxe Janite Lafuente, que destacaron o alto nivel das fotografías e das curtametraxes presentadas nesta edición. 

Néboa, gañadora do concurso de fotos

Ao concurso de fotografía Enfoca.RME presentáronse 50 instantáneas chegadas non só dende a comunidade da UVigo, senón tamén dende universidades de fóra de Galicia e mesmo de Italia ou Sudamérica, como explicaba o subdirector, o que demostra que se trata dunha proposta “consolidada que se vai facendo cada vez máis forte”. Finalmente, o xurado decidiu que o primeiro premio fose para Néboa, unha imaxe presentada por Elena Domínguez Estévez, que amosa unha explotación a ceo aberto cuberta pola brétema. A gañadora enviou un vídeo que se proxecto no acto para agradecer o galardón e animar a todos e todas a participar neste tipo de certames. 

O segundo posto foi para Raiando o sol, de Luisa Álvarez Zaragoza, que a través de Campus Remoto agradeceu á escola “o ter posto en marcha o concurso e mantelo no tempo”. Tamén deu as grazas ao xurado e remarcou que participar neste certame é “un xeito de poñer en valor o noso sector, de velo dende unha perspectiva artística e non coa frialdade coa que se nos trata moita veces”. Explicou que a súa imaxe trata de transmitir o traballo diario da xente do sector mineiro e de amosar “a compatibilidade con outras actividades do rural”. O accésit nesta categoría foi para Tuberías en central térmica, de José Manuel Maiquez, mentres que na categoría júnior entregouse o primeiro premio á foto Enorme belleza, de Inés Rocío García Rodríguez, recolleu en persoa poñen en valor a participación neste tipo de iniciativas da xente nova. A súa foto amosa un aeroxenerador nunha imaxe de contrapicado dende a base ata o ceo.

Todas as fotografías presentadas están recollidas nunha exposición que dende hoxe pode visitarse no vestíbulo da escola. Ademais, como avanzou Santiago Pozo, dende a escola tratarase de darlles toda a visibilidade posible empregándoas en cartelaría e campañas promocionais do centro. 

O aire comprimido, primeiro premio no certame de curtas

No que atinxe ao concurso Curtametraxes Enerxéticas, o traballo gañador foi un vídeo didáctico non que se explica o funcionamento do almacenamento de enerxía mediante o uso de aire comprimido, coñecido como sistema CAES. A peza está elaborada por Luis Fraile, Marta Carrasco, Javier Moya e Martina Sáenz de Miera, que agradeceron o premio e destacaron a utilidade deste tipo de concursos para dar a coñecer “os distintos tipos de enerxía e os métodos para poder obtela, algo non moi coñecido para a sociedade en xeral, pero de moito interese xa que as enerxías renovables son o futuro”. 

O segundo posto acadouno Bioetanol para un futuro verde, un proxecto presentado por Borja Turrel, Paul Mille, Javier Méndez, Lorenzo Palomo e Iñaki Rapún. Ambos traballos poden verse na canle de Youtube da EEME.

Outros certames

Estes dous certames únense ao resto de propostas que a EEME organiza ao longo do curso, como Escava_Rme, un concurso que reta o alumnado de 3º e 4º da ESO, Bacharelato e de ciclos formativos a construír un equipo que sexa capaz de remover e de cargar material no certame ou o concurso Enerxiza.Rme, que ten como obxectivo construír unha maqueta eficiente. Outra das apostas do centro é o concurso de fotografía Mulle_Rme 2021, que busca dar visibilidade á muller nas actividades relacionadas coa profesión de enxeñaría de minas e enerxía ou o certame de improvisación oral Eme_Pakuxa, organizado en colaboración coa Delegación de Alumnado, que ten como obxectivo que as e os estudantes do centro amosen o seu potencial orador.