DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado do IES Luis Seoane de Pontevedra faise cos galardóns de dous destes concursos

A Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía mantén a súa aposta polos premios que fan canteira

“Cremos que a colaboración co ensino medio é fundamental para dar a coñecer a nosa oferta formativa”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Premios
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 30/05/2022

Premios que fan canteira. A Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía convoca cada ano diferentes concursos, algúns abertos ao conxunto da sociedade, outros pensados especificamente para o alumnado de ensino non universitario, unha porta aberta para que as mozas e mozos que agora están no instituto coñezan as titulacións que se imparten neste centro e tomen conciencia, dun xeito diferente, da importancia da explotación sostible dos recursos minerais e enerxéticos. 

Os últimos en pasar pola escola para recoller os seus premios son un grupo de alumnas e alumnos de 4ª da ESO e 1º de bacharelato do IES Luis Seoane de Pontevedra, gañadores da edición 2022 dos concursos Enerxiza.Rme e Escava.Rme. Chegaron á escola acompañados polo profesor Antonio Fernando Malvar, orgullosos, “e tamén nerviosos”, de amosar as  maquetas nas que estiveron traballando todo o curso e coas que acaban de gañar ambos concursos. Recibíronnos a directora da escola, Elena Alonso, e o subdirector de Relacións Externas e Mobilidade, Santiago Pozo, quen, ademais de darlles os parabéns e as grazas por animarse a participar nestas iniciativas, os convidaron a seguir traballando neste tipo de temáticas. “A escola estará encantada de recibirvos si algún decidides a elixir algunha das nosas titulacións”, explicoulles o subdirector.

“Estes concursos permiten espertar vocacións científico-tecnolóxicas na nosa mocidade e concienciala sobre o aproveitamento sostible dos recursos naturais, facendo fincapé no emprego de novas formas de enerxía, sobre todo no que respecta ao concurso Enerxiza.Rme, e de novos modos de automatización no de Escava.Rme”, recalcou Pozo, quen, aproveitou o acto de entrega de premios para agradecerlle ao docente da área TIC deste instituto pontevedrés o seu entusiasmo con todos os proxectos que se formulan na EEME. “Desde aquí continuaremos con este tipo de concursos, xa que cremos que a colaboración da universidade cos colexios, institutos e centros de formación profesional é fundamental para dar a coñecer a oferta formativa”.

Parede calefactora e pa cargadora, dúas ideas con premio

Sofía Casal, Melina Paradiso, Samuel Pinzón e Iván Juncal foron os encargados de presentar a súa Parede calefactora, proxecto co que se fixeron co premio Enerxiza.Rme. Tal e como explicaron ante numerosos docentes da escola, o proxecto consiste nunha parede calefactora instantánea que nace pola conxunción de dúas realidades: un proxecto previo dunha casa con muro de Trombe e da observación da fachada do seu instituto, que está orientada ao sueste, co obxectivo de acadar o seu aproveitamento térmico. Idearon un muro de Trombe instantáneo empregando un material que tivera pouco valor específico para que acumulara pouca enerxía térmica e tamén a cedera con facilidade. Na fachada sur, inclinada, dispuxeron dun vidro, dunha chapa de aluminio negra mate e, por último, dun cerramento comunmente empregado nas casas.

Os seus compañeiros Sebastián Tobío, Nuertey Eshun e Esteban Conde, gañadores de Escava.Rme foron os encargados de explicar a súa maqueta Pa cargadora. Este proxecto consiste nunha pala estática que dispón de catro grados de movemento con catro cilindros de dobre acción controlados independentemente. Ademais, tal e como expuxeron na súa exposición, tamén dispón dun motor que inicia o movemento; un parafuso que transmite lineamento ao movemento rotativo do motor; un cilindro de carga e outro efectivo na propia máquina e brazo. “Para ter o control de dita máquina, disponse dun control de mandos, que consiste nunha chave de cruce con tres posicións e con finais de carreira de extensión e de contracción para cada motor”, explicaron os alumnos.

“Detrás destes galardóns hai moitas horas de traballo”

“Detrás destes galardóns hai moitas horas de traballo de todos estes estudantes, moito ensaio-error e tamén moita implicación, tanto por parte deles como tamén miña”, explica Antonio Fernando Malvar, docente da Aula de Tecnoloxía do IES Luis Seoane, quen admite que a súa relación coas diferentes iniciativas postas en marcha dende a EEME vén de longo. “Todos as xeracións de mozas e mozos que veñen as miñas clases pasaron polas actividades da Semana da Ciencia que organiza a escola, só por citar un exemplo”, recalca o docente.