DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mañá mércores continúan os actos coa entrega dos galardóns do concurso fotográfico Enfoca.RME

A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía rende culto a Santa Bárbara

O transición enerxética centrou unha xornada de relatorios e premios aos mellores expedientes

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Premios
  • Institucional
DUVI 03/12/2019

Tras varios días de citas lúdicas, deportivas e académicas, a celebración de Santa Bárbara, patroa da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, adoptou este martes un carácter máis institucional con varias conferencias e a entrega de premios aos mellores expedientes académicos por parte do Colegio de Ingenieros de Minas do noroeste. 

A xornada comezou con dous relatorios do decano do Coimne, José Fernández Díez, que afondou primeiramente no proceso de transición enerxética en España, para despois explicar aos presentes as saídas profesionais na enxeñaría de minas na actualidade e as características do seu exercicio como profesión regulada. Na súa intervención fixo fincapé na importancia de planificar a xestionar a transición enerxética “a longo prazo, sen improvisar e deixando de lado ideoloxías e demagoxias para facer unha transición xusta e traballar todos xuntos a prol da sostibilidade e fronte ao cambio climático” e advertiu de que se fai unha planificación enerxética baseada na ideoloxía “podemos cargarnos a economía”. 
Entre as súas receitas para abordar a transición enerxética e mudar cara un paradigma máis sostible, Fernández Díaz avoga por analizar as condicións de cada país e adaptar o proceso a cada caso, “identificando os cambios de distribución de riqueza territoriais e establecendo compensacións, xa que unhas zonas perden empresas e empregos pero outras gañan”. Tamén lembrou que España é o país de UE con maior diversidade de fontes de xeración “pero van desaparecer algunhas como o carbón e isto resta capacidade e flexibilidade ao sistema”. Neste sentido tamén advertiu do risco de apostar por tecnoloxías renovables non maduras, “como pasou coa eólica na década dos 2000 e coa solar na segunda parte desa década, algo que estamos agora pagando con compensacións polo déficit de tarifa”. Finalmente, Fernández Díaz tamén puxo sobre a mesa o perigo que supón seguir acurtando prazos ou aumentar os obxectivos a 2030 “que poderían poñer en risco a industria e levarnos a unha progresiva deslocalización sen que o problema do CO2 se resolva a nivel global”. A este respecto puntualizou que “as empresas marchan, levan o emprego, o PIB e a riqueza económica pero van producir o mesmo CO2 noutro punto do planeta”. Por isto recomendou unha transición pero “con tempo e pausada para evitar traumas sociais e económicos; trátase, ao fin, de facer unha transición xusta”. 

Tras os relatorios, procedeuse á entrega por parte do Coimne do I Premio ao Mellor Expediente de acceso ao Máster Universitario en Enxeñaría de Minas desde o Grao en Enxeñaría da Enerxía, que recolleu Carmen Rodríguez Aller e do I Premio ao Mellor Expediente de acceso ao Máster Universitario en Enxeñaría de Minas desde o Grao en Enxeñaría dos Recursos Enerxéticos e Mineiros, que recolleu Carmen Pereira Gil. Cada un destes premios ten unha dotación de 500 €.

Mañá mércores entréganse os premios do concurso de foto Enfoca.RME

Mañá mércores continúan os actos na honra da patroa da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía coa entrega dos premios ás categorías sénior e júnior do concurso de fotografía Enfoca.RME no vestíbulo da escola. A derradeira cita coa programación de Santa Bárbara será o vindeiro día 10 con dous relatorios. A partir das 13.00 horas, Juan José López Muñoz, director de Caolines de Vimianzo, Cavisa, a primeira empresa en España en obter a certificación AENOR de normativa sobre xestión mineira sostible impartirá unha conferencia sobre minaría e sostibilidade. De seguido, será Luisa Álvarez Zaragoza, directora de Pedra Ingeniería SL a que ofreza un relatorio sobre a aplicación da normativa UNE sobre xestión mineira sostible para a empresa Cavisa.