DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A posta en funcionamento e o control da grúa realizarase de forma remota

A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía reta o alumnado preuniversitario a crear un guindastre capaz de remover e cargar material

Repartiranse un total de 450€ entre os galardoados

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Premios
  • Académica
DUVI 17/02/2022

A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (EEME), despois de entregar no mes de decembro os premios Enfoca_Rme e Curtametraxes enerxéticas, lanza, como cada ano, o seu concurso Excava_Rme 2022. O obxectivo principal é que o alumnado de 3º e 4º da ESO, Bacharelato e ciclos formativos, se achegue, como se recolle nas bases, a "un dos retos que leva preocupando á humanidade dende os seus comezos: o arranque, carga e transporte dos materiais para grandes proxectos como as pirámides de Exipto ou as grandes catedrais europeas". Deste xeito, a EEME busca que as persoas que se presenten constrúan un equipo que sexa capaz de remover e pendurar materiais a través dun sistema de carga que estea fixo ou móbil.

O 30 de marzo remata o prazo de inscrición no certame

En total, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía repartirá 450€ en vales entre as maquetas gañadoras que, ademáis de cumprir cos requisitos establecidos nas bases, sexan realizadas por equipos que poñan a proba o seu enxeño, creatividade e resiliencia á hora de fabricar un guindastre co que reforzarán os seus coñecementos en hidráulica, pneumática, circuítos e automática. O reto que se lle propón ao estudantado preuniversitario busca potenciar e visibilizar as profesións relacionadas co sector das explotacións mineiras así como o impacto medioambiental das mesmas. A inscrición no certame poderá realizarse ata o 30 de marzo do 2022, ás 20.00 horas. Así mesmo, é preciso que se achegue ao enderezo electrónico eme@uvigo.gal o formulario de inscrición dispoñible na sección do concurso da web da Escola de Minas e Enerxía.

Que características deben posuír os guindastres?

As creacións poden ser de calquera material (cartón, madeira, metal, plástico...) e na súa construción pode empregarse calquera tecnoloxía (elaboración manual en taller, creación de pezas mediante impresoras 3D, procesos de mecanización, etc.). Os equipos deben dispor dun mecanismo capaz de dotar de movemento o cazo do guindastre sen estar permitidos dispositivos de succión, arrastre ou canalización dos elementos. Do mesmo xeito, ademais de que a maqueta deba rotar sobre si mesma e permitir a carga do material, é obrigatorio que o movemento da grúa se realice de xeito remoto mediante cableado de dous ou máis fíos ou a través dun sistema de control sen fíos (por radiofrecuencia, infravermellos, etc.). Así mesmo, na operación de carga será indispensable que as tarefas se realicen de forma mecánica, sen poder empregar ningún outro método para logralo.

Por outra banda, outro dos requisitos para poder participar no concurso é que as construcións sexan realizadas por equipos de entre tres e seis persoas que só poderán presentar un proxecto orixinal e de carácter non comercial. Porén, o profesor ou profesora do instituto que tutorice a creación terá a posibilidade de dirixir máis dunha proposta do seu centro. A súa responsabilidade, ademais de axudar na creación, na escolla e na familiarización cos sistemas de movemento e penduración, é, principalmente, achegar antes do 30 de abril de 2022 o anteproxecto da construción ao enderezo electrónico eme@uvigo.gal, no que se indique con claridade quen son os membros que compoñen o equipo e cales son os obxectivos e características principais do proxecto.

A competición, en maio

A avaliación das propostas correrá a cargo dun ou dunha especialista no ámbito do movemento de terras ou no deseño de maquinaria mineira, dous membros do persoal docente e investigador (PDI) da Universidade de Vigo e dous alumnos/as (un por cada grao impartido na EEME). Deste xeito, no mes de maio realizarase a competición e entrega de premios nas instalacións da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía no horario de mañá.