DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Adriana Pazos, Pablo Sanz e Daniela Sanz recibiron cadanseu cheque de 2000 euros

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación alíase coas empresas para recoñecer o alumnado de novo ingreso co mellor expediente 

A entrega dos premios coincidiu coa xornada de formación do alumnado que participará na I Olimpíada

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • Vigo
  • Estudantado
  • Premios
  • TIC
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 07/03/2023

Con notas superiores a 13,20, Adriana Pazos Lorenzo, Pablo Sanz Álvarez e Daniela Sanz Toucedo posúen os mellores expedientes de novo ingreso no Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación no curso 2022-2023. A súa excelencia académica foi recoñecida hoxe nun acto que por vez primeira organizou a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo coa colaboración das empresas BorgWarner, Centum Research&Tecnology e Optare Solutions, que entregaron cadanseu cheque por importe de 2000 euros aos tres estudantes. “As empresas con esta iniciativa, queren mostrar a súa clara aposta polo talento da EET de Vigo, esperando que máis estudantes se animen a cursar a nosa titulación, dado que teñen unha alta demanda dos perfís que se forman na Escola”, explica Rebeca Díaz Redondo, directora da EET. 

A entrega dos galardóns aos mellores expedientes de novo ingreso no Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación este curso, desenvolveuse este mediodía na Escola, antes do inicio da xornada de formación na que participaron parte dos máis de 250 estudantes de centros de ESO, FP e Bacharelato que o vindeiro mes de maio participarán na fase clasificatoria das I Olimpíadas Nacionais Teleco, organizadas por 20 escolas de Enxeñaría de Telecomunicación de España. Os 256 alumnos e alumnas que tomarán parte na fase local que se celebrará na EET da UVigo representan case o 40% do total das inscricións recibidas por todos as escolas do país.

Captación de talento e relación coa empresa

No acto de recoñecemento ao alumnado cos mellores expedientes de acceso ao Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación no curso 2022-2023, a directora da escola e os representantes de BorgWarner, Optare e Centum, destacaron a relación entre o centro e as firmas, así como a importancia de captar o alumnado con máis talento. Neste sentido, Rebeca Díaz volveu poñer de relevo a iniciativa Conexión Teleco, “unha rede de traballo e conexión entre empresas do sector e máis a nosa escola”, que desde hai anos da acubillo a actividades formativas ou prácticas e que se formalizou coa entrega dos premios celebrada hoxe. A directora da Escola amosou ademais a súa ledicia porque dúas das premiadas sexan mulleres “porque as titulacións técnicas teñen un nesgo claro masculino”, dixo Rebeca Díaz.

Roberto Pérez, socio consultor de Optare Solutions foi o encargado de entregar o premio a Daniela Sanz e lembrou na súa intervención o seu paso pola EET como estudante, ao igual que outros integrantes da firma. “Aquí, tanto o profesorado, como o alumnado é de moi alto nivel, co que é un xeito incorporar o talento e  que non teña que ir fóra e se poida quedar en Vigo, nunha empresa, como a nosa, que compite a nivel nacional coas principais consultoras de telecomunicación de España”, dixo Pérez.  

Por parte de Centum, Carmen Prego , responsable de Persoas, entregoulle o premio a Adriana Pazos e tamén destacou a compoñente feminina do premio. “Estamos moi involucrados en seguir traballando co talento feminino, o 35% do noso plantel son mulleres, a pesares de ser un empresa tecnolóxica” dixo, ademais de amosar a súa satisfacción por seguir a colaborar coa EET.

Telmo Calle, director do Centro técnico español para a electrónica da empresa, de BorgWarner entregoulle o galardón a Pablo Sanz e destacou a importancia de Conexión Teleco, “que nos permite consolidar o traballo que fixemos nos últimos anos. Levamos varios anos traballando coa UVigo e concretamente coa EET en diferentes liñas de actuación: prácticas, participación en proxectos nalgunhas materias e estamos moi contentos co rendemento do alumnado que logo se incorpora á empresa”, recoñeceu.

A I Olimpíada Nacional de Teleco comeza a quecer motores

Co propósito de promocionar a enxeñaría de telecomunicación, amosando os campos nos que está presente no día a día e como pode mellorar a calidade de vida e en concreto como impacta nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), por vez primeira unha vintena de escolas de enxeñaría de Telecomunicación de España, xunto ao Colegio Oficial de Ingenieros Técnicos de Telecomunicación (COITT) e o Colegio Oficial de Ingenieros de Telecomunicación (COIT) organizan este ano unha olimpíada nacional, dirixida a alumnado de ESO, Bacharelato e FP. 

No caso da fase local que acollerá a EET da UVigo participarán un total de 256 estudantes: 197 de 13 centros da ESO das catro provincias; 46 de oito centros de FP de Pontevedra, Ourense e A Coruña e 13 de catro centros de Bacharelato de Pontevedra e A Coruña. “En total temos 256 estudantes, o que representa o 39% das inscricións recibidas por todos os centro de Teleco de España, onde hai outras 19 escolas que ofertan a competición local”, explica Rebeca Díaz, para quen esta positiva resposta “denota a boa relación da EET cos centros pre-universitarios, aos que acudimos habitualmente para ofrecer charlas divulgativas no ámbito das telecomunicacións, e máis o alto interese que este tipo de competicións espertan no alumnado e no profesorado”, asegura.

Na xornada de formación celebrada este mediodía na EET, a organización local da olimpíada facilitoulles ás e aos participantes os kits de traballo, de placas programables compatibles co IDE e Arduino, cos que terán de deseñar e desenvolver un proxecto aliñado coa enxeñaría de telecomunicación e o ODS 11, Cidades e comunidades sostibles. Os kits de traballo están patrocinados polas empresas BorgWarner, Indra e Televés.