DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Destinada a estudantes, docentes e familias, celebrarase o 2 marzo entre as 16.00 e as 18.30

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación estrea xornada de portas abertas conxunta cunha vintena de centros de toda España  

Para participar cómpre inscribirse previamente na web do centro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Visitas
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 15/02/2023

Que o alumnado potencial, docentes e familias coñezan as titulacións que se imparten na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET) da Vigo, así como as súas instalacións, será unha realidade o vindeiro 2 de marzo, nunha xornada de portas abertas pioneira, na que o centro vigués compartirá esta iniciativa con outras 19 escolas de toda España. “Estamos realmente encantados de ofrecer esta posibilidade a todas aquelas persoas que queiran saber máis do que ensinamos e como o facemos na EET de Vigo”, asegura a directora do centro, Rebeca Díaz Redondo, que explica que, tanto docentes, como estudantes da escola participarán activamente na xornada, acompañando nos seus percorridos a todas as persoas que asistan, que se organizarán en grupos reducidos.

No transcurso da xornada, que se desenvolverá entre as 16.00 e as 18.30 horas, as e os asistentes poderán visitar as instalacións do centro, como aularios e laboratorios, onde terán ocasión de experimentar en temas como as aplicacións 5G, a fotónica, os drones ou os satélites, materia na que a Escola conta cunha ampla experiencia. Precisamente, a xornada de portas abertas comezará cunha conexión con Javier Ventura, enxeñeiro de Telecomunicación e director da Oficina Científica de Navegación por Satélite da Axencia Espacial Europea, que trasladará ás persoas participantes a súa experiencia.

Para participar na xornada de portas abertas do vindeiro 2 de marzo cómpre inscribirse na web da EET.

Empresas que premian o alumnado co mellor expediente

“As persoas formadas na EET de Vigo son moi demandadas polo tecido empresarial, tanto rexional, como nacional e internacional”, asegura a directora do centro, e proba deste interese é, segundo Rebeca Díaz, que tres firmas que colaboran coa Escola, tanto en formación de prácticas, TFG e TFM e outras actividades formativas adicionais, premiarán, con 2000 euros para cada un, aos tres estudantes que este curso se matricularon na EET coas mellores cualificacións.  

A entrega destes premios farase coincidir coa celebración da xornada de portas abertas, que se desenvolverá dous meses antes doutro evento que terá á Escola como escenario: as primeiras olimpíadas de Telecomunicación, nas que están apuntados 219 estudantes de toda Galicia. A fase clasificatoria terá lugar entre o 15 e o 26 de maio e a fase nacional en xuño de 2023.