DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro acolle este ano seis estudantes exipcios de grao, máster e doutoramento

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación estreita lazos con Exipto

As mobilidades, en ambos sentidos, inclúen tanto a alumnos como a docentes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Internacional
  • TIC
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 07/04/2022

Ademais do alumnado procedente de distintos países europeos, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación acolle este curso a seis estudantes exipcios procedentes da Beni Suef University e da Arab Academy for Science, Technology and Maritime Transport que chegaron a Vigo ao abeiro dun proxecto dirixido pola directora da escola, Rebeca Díaz, e financiado polo programa Erasmus + KA107 de mobilidade internacional. Son estudantes de grao, mestrado e doutoramento e pasarán en Vigo un total de cinco meses. 

“Este é o segundo proxecto de mobilidade extracomunitaria que temos coas mesmas universidades e, tras a boa experiencia do primeiro, restrinxido naquel caso a mobilidades de doutoramento e docentes, nesta ocasión decidimos abrilo tamén a niveis de grao e mestrado”, explica a directora da escola, ao que engade que a estes alumnos se sumarán dous docentes, un de cada unha das universidades participantes. No outro sentido da mobilidade, de Vigo cara Exipto, hai un estudante vigués participando no programa e a previsión é que sexan catro os docentes da UVigo que se despracen a Exipto.  “A convocatoria de mobilidade saínte para docentes aínda non está aberta, polo que non sabemos quen irá, pero si que hai catro prazas dispoñibles”, indica a directora.

Traballos co dirixidos por docentes vigueses e exipcios

Neste grupo de seis estudantes, cinco mozos e unha moza, hai alumnos de grao cursando algunha materia de últimos cursos das que oferta o grao con docencia en inglés (Bachelor Degree in Telecommunication Technologies Engineering, BTTE) pero, maioritariamente, están realizando os seus traballos de fin de titulación (grao e mestrado), co-dirixidos por docentes exipcios e docentes da EET. “Entendemos que isto permitirá reforzar lazos de cooperación docente e investigadora entre os nosos docentes e os das universidades exipcias”, recalca Díaz. “Esperamos tamén que a experiencia destes estudantes sexa moi positiva, e que consigamos ampliar o número de estudantes que decidan facer unha estancia na EET na vindeira edición deste proxecto, que solicitamos este mesmo ano, pero que aínda non está resolta”, apunta a directora.

Como consecuencia das mobilidades do primeiro proxecto (2017-2019), o programa de doutoramento Doc-Tic recibiu varios estudantes exipcios que optaron por realizar en Vigo a súa tese de doutoramento, fóra xa do propio programa de intercambio, financiados directamente polas súas universidades ou por eles mesmos. “Na miña opinión calquera intercambio é unha experiencia enriquecedora para os que recibimos a estas persoas e tamén para as persoas que viaxan”, considera  a directora da escola, firme defensora de que “este tipo de experiencias permiten desfacer por si soas prexuízos culturais e académicos”.