DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En 1920 asinouse o real decreto que define por primeira vez a titulación

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación súmase á celebración do centenario dos seus estudos

O director do centro destaca o impacto na sociedade que tivo o seu desenvolvemento

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • TIC
  • Académica
DUVI 24/04/2020

O 22 de abril de 1920 Alfonso XIII asina o real decreto que aproba o Regulamento da Escola Oficial de Telegrafía no que se define por primeira vez o título de Enxeñaría de Telecomunicación. Este fito é recoñecido como o nacemento oficial da profesión e o sector, incluída a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, conmemora este centenario nun momento no que a crise da COVID-19 pon de relevo a importancia das telecomunicacións na sociedade actual. “A evolución da titulación en cen anos vai moi en paralelo á evolución da tecnoloxía, e con ela, da sociedade, neste século”, lembra Íñigo Cuiñas, director da EE de Telecomunicación viguesa. 

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación e a Asociación Española de Enxeñeiros de Telecomunicación, en colaboración cos centros universitarios que imparten o título de Mestrado Universitario en Enxeñaría de Telecomunicación, entre eles o da Universidade de Vigo, tiñan previsto unha serie de eventos que debido ao coronavirus tiveron que ser aprazados. Non impide a actual situación, tal e como explica Íñigo Cuiñas, lembrar esta efeméride e destacar como esta "non celebración" por causa do confinamento é tamén unha "celebración" do centenario xa que “grazas á telecomunicación a nosa sociedade está a manter unha actividade académica, laboral e social nun período no que non debemos saír dos nosos fogares”. 

A conmemoración destes cen anos de historia supón unha oportunidade, apunta Íñigo Cuiñas, para pór de relevo como a enxeñaría de telecomunicación “estivo en todas as grandes revolucións tecnolóxicas do último século que foron motor dos cambios sociais e de forma de vida”. Así, detalla, “a telegrafía conectou as economías; a telefonía conectou os lugares; a televisión e a radio democratizaron as sociedades e crearon novos modos de entretemento; os satélites deron un empurrón clave ás comunicacións e Internet e os móbiles déronnos independencia, acceso ao coñecemento e ao entretemento, mobilidade...”.

Unha ollada ao pasado e ao presente

Botando un ollo á historia da profesión desde 1920, o director da EE de Telecomunicación da Universidade de Vigo sinala como no momento de creación desta titulación, os estudos tiñan un acceso moi limitado, dependían do Ministerio de Gobernación e estaban orientados á formación dos cadros de alto nivel do corpo de Telégrafos. En 1931, sinala, publícase un real decreto que establece as atribucións profesionais dos enxeñeiros de telecomunicación e en 1957 as escolas oficiais de enxeñaría pasan a depender do Ministerio de Educación e Ciencia, incorporándose en 1965 ao ámbito universitario. “É dicir, hai só 55 anos que as enxeñarías forman parte da universidade e deses 55 anos de historia universitaria da Enxeñaría de Telecomunicación, en 35 anos ten a nosa escola actividade continuada”, resume Íñigo Cuiñas.

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, lembra o seu responsable, naceu en 1985 como Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación, daquela adscrita á Universidade de Santiago de Compostela no campus de Vigo. “Foi un centro creado para impartir unha única titulación, a de Enxeñaría de Telecomunicación, que daquela só se impartía na Universidade Politécnica de Madrid e na Universidade Politécnica de Cataluña”, comenta Íñigo Cuiñas. A creación desta escola en Galicia, subliña o seu director, “supuxo a primeira oportunidade para formar enxeñeiros e enxeñeiras de Telecomunicación fóra dos grandes polos económicos e políticos de España, supuxo o achegamento das novas tecnoloxías e da modernidade a Galicia e ao noroeste peninsular en xeral e unha oportunidade que a industria foi quen de aproveitar desenvolvendo capacidades e proxectos que non existirían noutras circunstancias”. Nos primeiros anos trala súa creación, a EE de Telecomunicación, comenta o seu responsable, “foi un fervedoiro de novas, de ideas, de proxectos, de iniciativas...”. O paso do tempo, sinala, “trouxo a madurez e con ela un pouso de experiencia sumado á iniciativa e a capacidade que tiña inicialmente”.

A inicial exclusividade territorial desta titulación, detalla Íñigo Cuiñas, foise perdendo cos anos "xa que pasamos de ser tres escolas en España a máis de 50” pero “gañouse proxección no ámbito da investigación e na innovación, as ligazóns internacionais e o impulso a proxectos que son realidades, como o centro tecnolóxico Gradiant, moitas empresas e iniciativas tecnolóxicas e proxectos europeos”. No camiño, salienta, “houbo fitos de gran transcendencia, como pode ser a posta en órbita do primeiro cubesat universitario en España, o Xatcobeo, co impacto que isto tivo non xa na sociedade senón tamén na propia industria galega”. Na actualidade, indica o responsable académico, nesta escola do campus de Vigo impártense o Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, con catro mencións, e o Máster en Enxeñaría de Telecomunicación, que é o herdeiro do título do se celebra agora o centenario. “Na actualidade, a Universidade de Vigo é a cuarta das universidades ibéricas no Ránking de Shanghai na categoría Telecomunicación e está no top 200 mundial na mesma, o que dá idea da capacidade e potencial da nosa escola e dos seus cadros docente e investigador”, pon en valor o director da EE de Telecomunicación.

Retos de futuro

Sobre o futuro da titulación homenaxeada e do sector, Íñigo Cuiñas albisca como a enxeñaría de Telecomunicación “está nunha encrucillada, nun momento de decisión, de novo impulso”. O reto, subliña, “é seguir a achegar innovacións e propostas tecnolóxicas que fagan evolucionar á sociedade como o fixo neste século”. Na actualidade, detalla o responsable académico, “estamos a piques dunha nova revolución nas comunicacións: móbiles con moi baixa latencia e con moi alta capacidade de transmisión de datos; realidade virtual e aumentada; asistentes capaces de analizar un número masivo de datos; sistemas capaces de procesar sinais de imaxe e son que garantan a nosa seguridade, o mundo cuántico...". Neste escenario, indica por último, “hai elementos do futuro inmediato, outros a medio prazo, pero a enxeñaría de telecomunicación está posicionada para estar unha vez máis no cambio tecnolóxico e social do futuro próximo”.