DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O director, Juan E. Pardo, destacou o esforzo dos estudantes por recuperar esta festa

A Escola de Enxeñería Industrial pon fin a tres días de celebración co acto institucional do seu patrón, San Xosé

O alumnado sorprendeu aos asistentes cunha sesión vermut e un piano-bar

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Institucional
M. Del Río DUVI 27/03/2019

A celebración do patrón da Escola de Enxeñería Industrial estivo este ano cargada de sorpresas e novidades. Tras tres días de actividades e festexos, este mércores púxose punto final ao programa de eventos co acto institucional de San Xosé que, como cada curso, acolle a sede da escola en Torrecedeira. Culminaba así unha aposta conxunta do centro e a Delegación de Alumnado por recuperar a festividade do patrón para a comunidade universitaria, con eventos deportivos, culinarios, musicais e solidarios e deixando así atrás os grandes botellóns que enchían o campus de persoas alleas á Universidade. E todo isto coa enxeñaría como nexo común da programación de actividades, reivindicando esta disciplina como transformadora do coñecemento en solucións prácticas presentes en todos os eidos da vida.

De feito, a enxeñaría aplicada ás enerxías renovables foi o tema sobre o que xirou a conferencia que abriu o acto institucional, da man de Santiago Domínguez Rubira, enxeñeiro industrial titulado pola Universidade de Vigo e responsable de Produción Hidráulica de Endesa España, que se centrou nos retos que a enxeñaría ten que resolver para a posta en valor das fontes renovables na xeración de enerxía eléctrica. 

O alumnado, parte central da celebración

O director da escola, Juan E. Pardo Froján, quixo recoñecer o esforzo do alumnado do centro para recuperar esta celebración e facer que “este ano a festa fose un pouco diferente”.  Desta volta, explicaba, a implicación da Delegación de Alumnado “está sendo máis visible, deseñado e participando en actividades deportivas e culturais que poñen en valor que é posible o entretemento e a vida universitaria dunha maneira perfectamente harmoniosa”. De feito, o alumnado sorprendeu aos asistentes ao acto deste mércores cunha sesión vermut amenizada por LeBarLuthier, cun piano reconvertido nun bar ambientado na década de 1940 empregando os coñecementos técnicos que se imparten nas titulacións da Escola de Enxeñería Industrial.

O responsable do centro lembrou que “a unión e a colaboración caracterizan á EEI a pesar do grande tamaño do centro” e destacou a “aposta polo rigor, a calidade e titulacións acordes coas necesidades do mercado,  ese é o camiño que ten que seguir a nosa escola e para iso, afrontamos con optimismo e valentía todos os cambios e retos para estar á vangarda como nos pide a sociedade”. Neste sentido, avanzou que o próximo curso 2019-2020 comezarán a impartirse dous dobres graos, Enxeñaría Biomédica con Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática e Enxeñaría Biomédica con Enxeñaría Mecánica, previstos no deseño inicial do título. “Isto axudará ao alumnado a ter unha formación un pouco máis ampla e achegaralles máis posibilidades á hora de buscar emprego, con dous perfís altamente demandados como son a parte electrónica, automática e de Big Data e a parte mecánica”.

Premios ao esforzo e á excelencia

No transcurso do acto tamén se procedeu á entrega dunha serie de distincións a docentes, traballadores e grupos de investigación do centro. Entre eles, entregáronse os diplomas aos profesores mellor valorados segundo as enquisas realizadas ao alumnado da EEI que neste curso foron para Ignacio Bajo, Joaquín Baltasar Collazo, José Ramón Fernández García, Eugenio Fuentes e José Antonio Pérez García. Tamén se fixo un recoñecemento á actividade investigadora e de transferencia no período 2016-2019 dos grupos con potencial de crecemento (Enxeñaría Química, Applied Power Electronics Technology, Enxeñaría da Corrosión e Materiais e Aplicacións Industriais dos Láseres), e aos grupos de Referencia Competitiva (Grupo de Novos Materiais, Grupo de Enxeñaría Química 3, CIMA e Grupo de Tecnoloxía Enerxética). Tamén se recoñeceu o traballo dos novos investigadores FPI-FPU Natalia Cid e Ana Ogando. Outros recoñecementos foron para os docentes que cumpren 30 anos de antigüidade na EEI, neste caso Ricardo Vidal, Elena González, José A. Comesaña e Alberto E. Castejón. O persoal de administración e servizos tamén tivo os seus recoñecementos, en concreto para os de maior antigüidade (Ana Belen García Alonso, Mª Paz Iglesias e David Monroy).

Finalmente, tamén se entregaron os premios aos gañadores dalgunhas das actividades organizadas pola Delegación de Alumnado, entre eles, o Torneo de Xadrez e o concurso para elixir o novo emblema da escola.