DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O programa iniciouse este mércores cun relatorio sobre patrimonio paleontolóxico e minaría

A Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía comeza o seu Mes Cultural para festexar Santa Bárbara

Inclúe actividades deportivas, lúdicas e culturais e a tradicional carreira popular, o día 29

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Deportes
  • Cultura
DUVI 06/11/2019

Como cada mes de novembro, a Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía somérxese de pleno na celebración da súa patroa, Santa Bárbara. Dende hoxe mércores e ata o vindeiro día 29 sucederanse unha serie de actividades culturais, lúdicas, deportivas e tamén gastronómicas organizadas pola Delegación de Alumnado. Un dos seus representantes, Santiago Domínguez Blanco, estudantes de 3º do grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos, explica que nas próximas semanas terán lugar varios relatorios que teñen como finalidade "dar a coñecer máis de preto as investigacións que realiza do profesorado da escola". A primeira destas palestras tivo lugar este mércores cos profesores José Bienvenido Diez e Manuel Juncal, do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio, que falaron sobre patrimonio paleontolóxico e minaría.

Pero unha das citas máis senlleiras da celebración da patroa da EEME é a carreira popular Santa Bárbara, que este ano chega á súa décima edición. A probra terá lugar o vindeiro 29 de novembro ás 12.30 horas nas instalacións deportivas do campus vigués e, para participar, a inscrición pode facerse ata o 22 deste mes a través da plataforma deporxest. 

O día antes da carreira, o 28, como apunta Domínguez, celebrarase "unha churrascada popular, cun prezo de 5 euros, así como torneos de tute e escoba". 

Conferencias no mes cultural 

Tras a conferencia de apertura de hoxe de José Bienvenido Diez e Manuel Juncal, os relatorios do Mes Cultural continuarán ao longo de novembro. A vindeira cita será o día 20, cunha ponencia sobre as enerxías renovables mariñas titulada La chispa azul: La energía del mar, que será impartida polo investigador da Universidade de Vigo Carlos Pérez Collazo.

O ciclo rematará o 4 de decembro da man de Ángeles Domínguez Collazo. A investigadora do Departamento de Enxeñaría Química afondará na súa intervención no desenvolvemento de novos disolventes para extraer compostos aromáticos tanto de combustibles coma de augas residuais dos procesos de refino, para por unha parte, empregar mellores disolventes dende o punto de vista medioambiental, e por outra parte, recuperar compostos aromáticos e utilizalos en procesos industriais.

Torneos Deportivos

Outra das vertentes da celebración de Santa Bárbara é a deportiva. Así, ademais da carreira popular, o xoves 28 terán lugar torneos de baloncesto 3 vs 3, triplas, voleibol, fútbol sala e xadrez. O venres 29 haberá competicións tamén de baloncesto 3 vs 3, voleibol, fútbol sala entre alumnado e profesorado e tenis de mesa.