DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trala aprobación da nova Lei da Carreira Militar

A Escola Naval de Marín decidirá qué grao da Universidade de Vigo estudan os cadetes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Romina Vázquez DUVI 06/11/2007

Alberto Barciela Rodríguez, director xeral de Ensinanza Militar, e responsables do Ministerio de Defensa reuníronse este martes co Reitor, Alberto Gago, con motivo da recente aprobación por parte do congreso da nova Lei da Carreira Militar, que fai a previsión da adscrición das academias militares ás universidades, incluíndo a impartición dos futuros títulos de grao.
Os representantes do corpo militar presentaron unha proposta de convenio para constituír unha comisión de estudo que durante o 2008 decidirá qué grao é o escollido de entre os propostos na oferta da Universidade. O obxectivo é que os cadetes da Escola Naval Militar de Marín cursen unha carreira civil ademais de formación en materia militar.

Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio

Os contactos entre a Universidade e a Escola Naval Militar de Marín non se limitan a esta acción puntual senón que a relación vén de longo. A Cátedra Álvarez-Ossorio ten a súa orixe no convenio de colaboración asinado co Ministerio de Defensa en 1993 e que, entre outras cousas, impulsa o intercambio de profesores para impartir aos alumnos conferencias multidisciplinares e permite o uso das instalacións deportivas do campus de Pontevedra ó persoal militar da Escola.