DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Procedentes do Colexio Plurilingüe Divina Pastora-Franciscanas de Ourense

A Escola Superior de Enxeñaría Informática únese á celebración da Semana da Ciencia coa visita de escolares

Coñeceron as actividades e infraestruturas docentes e investigadoras deste centro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Institucional
DUVI Ourense 10/11/2022

Co gallo da celebración da Semana da Ciencia 2022 e coincidindo este 10 de novembro co Día Mundial da Ciencia, a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense acolleu este xoves a visita de alumnado do Colexio Plurilingüe Divina Pastora-Franciscanas de Ourense. Rapazas e rapaces de primeiro curso de Educación Secundaria Obrigatoria e de primeiro curso de Bacharelato deste centro escolar puideron coñecer de primeira man e en detalle as instalacións e actividades de docencia e investigación deste centro, onde se imparten os graos de Enxeñaría Informática e Intelixencia Artificial. Tras unha benvida na que coñeceron as características xerais da escola, visitaron aulas, laboratorios, salas de eventos, infraestruturas e espazos como o seu museo de informática e o recentemente estreado Laboratorio de Experimentación e Prototipado de Ourense, un laboratorio nado no marco do proxecto de cooperación transfronteiriza NOVA TFE (Novas Oportunidades de Negocio para Pemes Baseadas en Tecnoloxías Facilitadoras) e da colaboración entre a Deputación de Ourense e a UVigo. As e os escolares tamén asistiron a algunha sesión práctica e puideron coñecer iniciativas como UVigo Motorsport. A iniciativa enmárcase na liña de traballo e compromiso da Escola Superior de Enxeñaría Informática ourensá de achegar tanto o seu centro como a súa área de coñecemento a diferentes colectivos da cidadanía, abrindo as súas instalacións e organizando actividades de carácter divulgativo como a celebrada este xoves.