DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa organización, nos meses de abril e maio, dun curso de monitores de 350 horas

A escola de tempo libre do campus ponse en marcha

A formación terá lugar os venres, sábados e domingos no Centro Social Leste

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 08/03/2022

Desde hai preto dunha década, a Escola de Tempo Libre Universitaria do Campus de Ourense, impulsada ao abeiro da Asociación Universitaria de Ciencias da Educación AUCE, promove unha serie de actividades que, a partir de abril, esténdense a Pontevedra. Coa colaboración da Vicerreitoría e do Concello, esta escola promove nos meses de abril e maio a súa primeira actividade na cidade, un Curso de monitores de tempo libre de 350 horas, que outorga un título acreditado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia. Aberto a un máximo de 25 persoas, este curso abrirá o vindeiro luns 14 o seu período de inscrición e desenvolverase entre o 1 de abril e o 29 de maio na Centro Social Leste. 

O vicerreitor do campus, Jorge Soto, e o responsable da agora denominada Escola de Tempo Libre Universitaria do Campus de Ourense e de Pontevedra (Estoupo), Millán Brea, presentaron este martes en rolda de prensa unha actividade que vén a cubrir “un baleiro interesante e que vai redundar absolutamente no estudantado do campus”, salientou Soto. Como explicou o vicerreitor, este curso é o resultado dun proceso iniciado hai preto de dous anos e dirixido a “achegar a Pontevedra” o traballo que esta asociación viña facendo no campus ourensán, de tal xeito que este curso constitúa “o primeiro de moitos máis”, como salientou Brea. O tamén profesor da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense lembrou que se trata dunha “unha escola cunha traxectoria de case dez anos”, impulsada por unha asociación cuxo labor foi recoñecido, entre outros, co Premio de compromiso coa igualdade de xénero da Universidade de Vigo, Uviguala, en 2016.  

Nas tardes dos venres e as fins de semana

Cun prezo de matrícula de 170 euros, este curso de monitor de tempo libre abrirá a súa inscrición o vindeiro luns ás 11.00 horas, podendo realizarse a través da secretaría de Estoupo (secretariaestou@gmail.com). Desenvolverase entre o 1 de abril e o 29 de maio, nas tardes dos venres, entre as 16.00 e as 19.00 horas, e os sábados e domingos, en horario de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas. Como explicou Brea, trátase dun curso de 200 horas de formación teórica e un período práctico de 150 horas, que permite obter “un título oficial” de monitor e que será impartido por un grupo de docentes do que “o 80% son alumnas ou egresadas da UVigo”. Dirixido a aprender a dinamizar todo tipo de colectivos e cun enfoque principalmente práctico e orientado á empregabilidade, os contidos deste curso abranguen múltiples tipos de actividades, como xogos tradicionais, grandes xogos, rutas interpretativas, actividades na natureza e deportivas, expresión musical e corporal, primeiros auxilios, educación para a saúde, animación á lectura ou educación en valores. Nese senso, trátase dunha proposta formativa ligada, como explicou Brea, “a un contexto de intervención social”, da man dunha asociación “que defende tanto a cultura galega” como que “todos eses coñecementos acaben repercutindo no propio campus”, coa idea de que “a xente que se forma na escola acabe sendo docente”, como acontece con “practicamente a metade” dos seus alumnos e alumnas. 

Así mesmo, Brea puxo de relevo a colaboración do Concello de Pontevedra, que cede un espazo no Centro Cultural Leste para a realización desta actividade, no marco da súa “aposta por dinamizar os barrios e dar unha participación activa á veciñanza”. Nese senso, tanto Soto como Brea quixeron pór de relevo a implicación do concelleiro de Xuventude, Normalización Lingüística e Coordinación do Rural, Alberto Oubiña, quen non puido participar nesta presentación e quen á súa vez pon en valor o bo funcionamento dos centros sociais do municipio, que funcionan de xeito “autoxestionado” grazas ao labor da veciñanza. Oubiña quixo destacar tamén o positivo de que se lle dea uso a estes centros “da man da Universidade, que tamén crea un potente tecido social na cidade entre a xente máis nova”. Neste aspecto incidira tamén nesta presentación o vicerreitor, que destacou a “vocación de servizo” da UVigo como “un espazo académico e universitario, pero tamén social”. Neste punto, Soto sinalou que buscarán con Estoupo “profundar noutro tipo de actividades”, á vez que lembrou que no campus se levan a cabo diferentes iniciativas abertas a toda a cidadanía, como as aulas de teatro e de música tradicional. Esta última, anunciou, levará proximamente os seus ensaios “ás prazas de Pontevedra”.