DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes asinouse un protocolo con este obxectivo

A Escola Universitaria de Enfermaría e o Concello colaborarán no eido do termalismo

Co obxectivo de contribuír a desenvolver as potencialidades das augas da cidade

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 10/07/2018

A Escola Universitaria de Enfermaría, centro adscrito ao campus de Ourense, e a Concellaría de Turismo e Termalismo de Ourense veñen de asinar este martes un protocolo xeral de colaboración mutua para promover servizos e actividades que permitan facer de ambas institucións “un instrumento dinamizador da vida científica e social da cidade de Ourense”. 

O protocolo foi asinado na sede da escola por Milagros Fernández, directora do centro, e polo concelleiro Jorge Pumar no marco da colaboración que viñan mantendo con anterioridade as dúas institucións, como é o caso do estudo Eficacia das augas mineromedicinais en pacientes con fibromialxia, presentado o pasado mes de abril no salón de plenos e realizado por investigadoras da Escola Universitaria de Enfermaría. “Estamos satisfeitos pola posta en marcha deste protocolo porque pensamos que a enfermaría pode ter un espazo destacado no campo do termalismo”, salientou Milagros Fernández trala sinatura. “A Concellería de Turismo e Termalismo está interesada en colaborar cos centros de formación e investigación, así como cos profesionais da saúde; en dar a coñecer as potencialidades das augas declaradas mineiromedicinais e termais da cidade”, sinalou pola súa banda Pumar Tesouro. 

Desde proxectos de investigación a prácticas

O documento contempla o desenvolvemento de proxectos de investigación; a organización e realización de todo tipo de actividades académicas (cursos, conferencias, simposios, seminarios ou clases); o apoio a investigadores e estudantes; o intercambio de publicacións, traballos de investigación e de calquera tipo de materiais académicos que resulten de interese; as prácticas de estudantes do último curso ou a realización de actividades de lecer saudables nos espazos termais, entre outras cuestións. 

Cunha duración indefinida, o acordo de colaboración estará coordinado e desenvolvido por unha comisión con persoal de ambas institucións. Este órgano será o encargado de deseñar un plan de traballo concreto, co seu correspondente calendario de actividades e posibles necesidades orzamentarias.