DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi o mellor dos 31 equipos participantes no torneo disputado en Padrón

A Escola Xadrez Pontevedra-UVigo álzase coa Copa Galicia

Tras sumar seis vitorias e un empate

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 31/05/2023

Seis vitorias, un empate e un total de 13 puntos converteron ao primeiro equipo da Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo no gañador da Copa Galicia 2023, un torneo que reuniu en Padrón 31 equipos das catro provincias. Tras rematar terceiro na División de Honra da liga autonómica, o Xadrez Estratexia pola Paz competía nesta fin de semana, ao igual que o EXP-Ramón Escudeiro Tilve, nun torneo no que os diferentes equipos participantes protagonizan sete enfrontamentos ao longo da xornada.

Alberto Portela, Rubén Fernández, Juan Manuel Martínez e David García Sobrino representaron ao equipo universitario nunha competición que abriron cunha vitoria por 4-0 fronte ao Círculo Chantadino B. A continuación derrotaron ao CD Marquiño (3-1), para logo superar tamén á Escola Luguesa de Xadrez (3,5-0,5) e ao Padrón (4-0). Tras catro vitorias, na quinta rolda desta competición chegou o único empate dos pontevedreses, o 2-2 co que se pechou o seu enfrontamento co Xadrez Ourense A, que remataría segundo na táboa clasificatoria, a un punto da EXP-UVigo, que completaba o torneo con dúas novas vitorias, fronte ao CFX de Vilagarcía (2,5-1,5) e o Xadrez Mos A (3,5-0,5).

Como un “éxito do xadrez de base da escola pontevedresa” definen no club universitario o papel realizado polos seus xadrecistas nesta Copa Galicia, na que Rubén Fernández logrou seis vitorias e unhas táboas, acadando así 6,5 puntos de sete posibles, mentes que David García acadou seis, sumando cinco tanto Alberto Portela como David García Sobrino.

Por outra banda, o segundo equipo do club competiu neste torneo con Miguel Palacios, Rodrigo González, Luis Joaquín Alonso e David Fernández. Cun balance de catro vitorias e tres derrotas, o Ramón Escudeiro Tilve pechou a Copa Galicia en décimo quinta posición.