DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Caeu por 2-4 fronte ao Xadrez Rianxo, na derradeira xornada da Liga Galega

A Escola Xadrez Pontevedra-UVigo sofre a súa primeira derrota e remata no terceiro posto da División de Honra

O Xadrez Fontecarmoa alzouse co título autonómico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 22/05/2023

O primeiro equipo da Escola Xadrez Pontevedra–Universidade de Vigo chegaba á última xornada de liga na División de Honra do xadrez galego a un punto do líder e con opcións de loitar polo título autonómico. Para iso debía sumar o maior número de puntos posible no seu enfrontamento co Xadrez Rianxo na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e agardar polo que fixeran os seus rivais. Mais, nesta xornada decisiva, o equipo universitario sufriu a súa primeira e única derrota nesta tempada, que deixouno fóra da loita polo campionato. O Xadrez Estratexia pola Paz viuse superado por 2-4 por un rival que se xogaba en Pontevedra a permanencia na máxima categoría. Tras este resultado, a EXP-UVigo remata terceira na liga, con 40,5 puntos, e o título de campión galego foi finalmente para o Xadrez Fontecarmoa de Vilagarcía de Arousa, grazas a ter un mellor coeficiente de desempate que o Benchosey de Pereiro de Aguiar, co que rematou empatado a puntos no máis alto da táboa.

Como destacan desde o club pontevedrés, o deste sábado foi “probablemente o peor encontro dos universitarios nos últimos anos”, no que cinco dos seus seis xogadores pararon as súas partidas por unha “clara posición de desvantaxe”. O mellor dos locais foi nesta xornada Rubén Fernández, que non obstante non puido pasar do empate, como tampouco o lograron Pablo García, Daniel Rivera e Juan Manuel Martínez, mentres que Alberto Portela e Víctor Miguel caeron derrotados nos seus taboleiros.

Deste xeito, o Xadrez Estratexia pola Paz remata a liga en terceira posición, cun balance de sete vitorias, tres empates e unha única derrota. A vindeira fin de semana, tocará retornar a competición para participar na Copa Galicia 2023.

Fóra da División de Honor, o EXP-Ramón Escudeiro Tilve pechou a liga cun empate, finalizando quinto na Primeira División; mentres que en segunda, o EXP-Non á violencia de xénero caeu ante o segundo filial da USC, aínda que este resultado permitiulles manter a categoría, pechando a liga en novena posición.