O primeiro equipo do club universitario pechou cun 3-3 a súa visita ao Xadrez Ourense
A Escola Xadrez Pontevedra-UVigo suma un empate na casa do vixente campión
Este resultado sitúao cuarto na clasificación da División de Honra
Na terceira xornada da Liga Galega de Xadrez, na súa División de Honra, o primeiro equipo da Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo afrontou unha das súas saídas máis complicadas da tempada, a súa visita ao vixente campión galego, o Xadrez Ourense. No seu enfrontamento cun equipo “cunha nómina de titulados internacionais moi superior a calquera dos outros clubs galegos”, como salientan desde o equipo universitario, o EXP-UVigo Xadrez. Estratexia pola Paz logrou un empate a tres que, pese a ser un “bo resultado”, deixou un sabor “agridoce” aos visitantes, que viron como nos últimos intres se lle escapaba a vitoria global.
O enfrontamento arrancou, de feito, cun triunfo dos universitarios, o que Rubén Fernández lograba pola vía rápida fronte ao mestre Fide David Gómez. A continuación, chegaba o primeiro punto para o equipo local, de mans da campioa de España feminina, a mestra internacional Yudania Hernández, que vencía a Juan Martínez Montes no seu debut co primeiro equipo da EXP-UVigo. Non obstante, os dous seguintes taboleiros en pecharse deixaban ao club universitario moi preto do triunfo final, grazas ás vitorias acadadas por Pablo García e David García. Mais, finalmente, os visitantes non puideron puntuar nos dous enfrontamentos pendentes de concluír, nos que Alberto Portela caeu derrotado na “partida tola da xornada” e o mestre internacional Daniel Rivera víase lastrado por “dúas malas xogadas” no treito final.
Tras este resultado, o equipo pontevedrés sitúase no cuarto posto da táboa clasificatoria, con 9,5 puntos, os mesmos que Xadrez Rianxo e Círculo Ferrolano, e tres menos que o novo líder, o Benchosey de Pereiro de Aguiar. A vindeira fin de semana, o primeiro equipo do club universitario recibirá ao Liceo Ourense na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.
Nas restantes categorías da Liga Galega, os equipos da EXP-UVigo só puideron sumar un segundo triunfo, o logrado polo EXP-Zona Informática fronte aos seus compañeiros do EXP-Chess Cares, en Terceira División. En primeira, o Ramón Escudeiro Tilve caía derrotado na casa do Xadrez Marín, mentres que, en segunda, o EXP-Non a violencia de xénero sitúase en postos de descenso tras caer 4-0 fronte ao filial do Xadrez Fontecarmoa de Vilagarcía.