DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto do grupo de innovación docente MaReMa, no que tamén participa o CEIP Froebel

Escolares de catro colexios de Vigo achéganse ás matemáticas dun xeito “comprensible, divertido e atractivo”

Estudantes do CEIP García Barbón participaron no campus nun encontro con investigadoras 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Transferencia
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 08/04/2022

“No campo das matemáticas é fundamental realizar accións desde as primeiras etapas da educación, cando comezan a ser rexeitadas, e non limitarse a etapas posteriores, onde a recuperación de habilidades e interese é máis complexa”. Deste xeito pon de relevo o grupo de innovación docente MaReMa (Materiais e Recursos para as Matemáticas) a importancia de achegar esta ciencia os nenos e nenas a través de “metodoloxías educativas innovadoras que mostren as matemáticas como unha achega comprensible, divertida e atractiva”. Ese é o obxectivo do proxecto Te lo cuentan las matemáticas, que, co financiamento do Consello Social da Universidade de Vigo, desenvolven ao longo do presente curso con preto de 300 estudantes de 5º e 6º de primaria de catro colexios de Vigo e un de Pontevedra. A través dos obradoiros que imparten nestes centros preto de 60 estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e de encontros con investigadoras e investigadores, este proxecto busca “espertar vocacións matemáticas” entre os nenos e, especialmente, as nenas, dado o “nesgo de xénero existente neste campo”, como sinala a súa coordinadora, a profesora Marta Pérez.

Con tres bloques de actividades que se levan a cabo ao longo do curso, este proxecto de divulgación desenvolvía este xoves en Ciencias da Educación e do Deporte a actividade de peche do segundo trimestre. Protagonizada polas investigadoras Beatriz Álvarez e Olga Pérez e dirixida a pór en valor as figuras das matemáticas Hipatia de Alexandría e Emmy Noether, tratouse de dous encontros nos que participaron preto dun centenar de estudantes do CEIP García Barbón e que seguiron de xeito virtual, a través de UVigo TV, os estudantes dos outros CEIP participantes; os vigueses Chans de Bembrive, Frian-Teis e Virxe do Rocío e o Froebel de Pontevedra. “Pensamos que temos que achegarnos aos colexios e manter unha comunicación estable entre a universidade e os centros educativos”, salienta Pérez dun proxecto “que é transversal ao ciclo da educación, desde a educación primaria, os graos en Educación Primaria e en Matemáticas ata a carreira investigadora en matemáticas”.

Novas propostas e formación para docentes

Con respecto á súa anterior edición, Te lo cuentan las matemáticas incorpora no presente curso “unha nova liña temática para o alumnado que xa participou no proxecto o ano pasado” e para o que se deseñaron novas actividades. Así mesmo, investigadoras do grupo MaReMa puxeron en marcha un curso no Centro de Formación e Recursos (CFR) de Pontevedra, dirixido a docentes de primaria, co obxectivo de “que poidan implantar os talleres nas súas aulas e incorporarse ao proxecto o vindeiro curso”.

Xunto a Pérez, o equipo responsable deste proxecto intégrano os tamén docentes da UVigo José Manuel Casas, Xabier García e Ixchel Dzohara Gutiérrez e a investigadora predoutoral da Universidade de Santiago de Compostela Beatriz Álvarez, aos que se suman os profesores de primaria Lorena Fernández e Benito Gil. Director do CEIP García Barbón, Gil foi un dos participantes nos encontros deste xoves, inseridos nunha iniciativa, recoñece, “que para nós é altamente positiva, porque enfoca as matemáticas dunha forma moi distinta, moito máis manipulativa”, o que permite que os escolares se acheguen a esta materia “dunha forma que comprenden moito mellor”. Así mesmo, Gil destacou tamén o positivo de que esta iniciativa achegue aos colexios “aos rapaces e rapazas que se están formando para ser futuros profesores e que poden vivir a realidade dun centro”.

Pór en valor ás súas utilidades e ás mulleres matemáticas

Un dos obxectivos do proxecto é, como sinala Pérez, rachar “coa percepción social das matemáticas como unha ciencia desconectada da vida cotiá”, motivada ao seu xuízo polo feito de “que nunha gran medida” a súa aprendizaxe nesta etapa se vexa reducida “unha aplicación de regras de forma mecánica”. Fronte a isto, esta iniciativa avoga por unha metodoloxía baseada “na manipulación, as tecnoloxías e as súas aplicacións na vida cotiá”, á vez que busca dar visibilidade tanto ás “diversas saídas profesionais” destes estudos, como ao propio labor dos investigadores e investigadoras, “prestando especial atención ás medidas destinadas a favorecer a igualdade de xénero” neste ámbito. 

Con esa idea, en cada bloque de actividades combínanse as iniciativas dirixidas a afondar nas aplicacións das matemáticas en ámbitos que van da espionaxe ás viaxes espaciais, coa posta en valor das achegas realizadas ao longo da historia por diferentes “matemáticas de referencia”. Así, no primeiro trimestre os nenos e nenas que participaban por primeira vez no proxecto realizaron actividades centradas na criptografía e os algoritmos, coas que puideron coñecer as figuras de Ada Lovelace e Agnes Meyer Discroll, mentres que para aqueles que o facían por segunda vez deseñáronse novas propostas centradas nos códigos e as súas aplicacións, así como na traxectoria da matemática da NASA Dorothy Johnson Vaughan. O segundo bloque englobou por unha banda as propostas de Te lo cuentan las cónicas, centradas na aplicación desta ciencia na astronomía e na figura de Hipatia de Alexandría, cos novos contidos de Te lo cuentan los movimientos, sobre os seus vínculos coa arquitectura e arte e as achegas de Emmy Noether. Por último, o próximo trimestre desenvolveranse tanto actividades centradas nos mapas, nas viaxes e na traxectoria de Maryam Mirzajani, como o novo bloque Te lo cuentan los datos, no que se porá o foco na súa aplicación no combate de epidemias e na figura de Florence Nightingale.

Cada un destes bloques abrangue á súa vez dous obradoiros, impartidos polo alumnado do Grao en Educación Primaria, un de carácter manipulativo e outro tecnolóxico, nos que, explica Pérez, “os contidos tratados ilústrase con aplicacións da vida cotiá”. A estes súmanse os encontros con investigadoras e investigadores, nos que se afonda na “vida científica e persoal” de mulleres matemáticas de referencia “nun campo de investigación estreitamente ligado coa temática”. Así mesmo, o proxecto abrangue tamén a xeración doutra serie de materiais, como os vídeos recollidos na web do proxecto. 

Co apoio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt), Te lo cuentan las matemáticas desenvolveuse por primeira vez o pasado curso, coa participación de 650 alumnos e alumnas de doce centros educativos. A análise que o grupo MaReMa desenvolve das valoracións que realizaron do proxecto os nenos e nenas permitiron constatar como con este tipo de actividades incrementábase “o gusto, motivación e interese do alumnado polas matemáticas”. De feito, a porcentaxe de participantes que, tras o proxecto, manifestaban ter interese por esas “vocacións matemáticas” que o proxecto busca espertar aumentaba preto dun 20%.