DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun proxecto que formará o estudantado para afrontar os cambios que está a sufrir este sector

As escolas de enxeñaría de Vigo embárcanse na transformación da industria do automóbil

Construirán un coche virtual para ensaiar o seu comportamento en distintas circunstancias de función

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • TIC
  • Investigación
M. Del Río DUVI 03/05/2019

A automoción é un dos sectores que está a afrontar un cambio máis fondo para converterse nunha industria 4.0, a chamada Industria do Futuro. Para iso, tanto os traballadores actuais como os futuros profesionais precisan adaptar os seus coñecementos a unha contorna de innovación e en proceso constante de cambio tecnolóxico. Neste contexto, as escolas de enxeñaría están embarcadas en iniciativas que axuden a adaptar a formación dos seus estudantes, que serán as e os especialistas desa revolución. Un exemplo é o proxecto de desenvolvemento dun coche virtual, unha iniciativa posta en marcha pola Universidade de Vigo que se enmarca no programa Peer-Learning Experience, financiado por La Fondation Dassault Systèmes, que ten como finalidade a creación dunha comunidade internacional colaborativa de docentes formados no uso da ferramenta 3Dexperience, organizados en base a un grupo de universidades. 

O profesor da Escola de Enxeñería Industrial Jorge Cerqueiro é o coordinador para a Uvigo desta iniciativa de tres anos de duración, que desenvolve a súa primeira fase entre xaneiro e xullo deste ano. O docente subliña que Vigo “é a única universidade galega na que se puxo en marcha un proxecto tan ambicioso que, máis aló da utilización do software 3Dexperience, o que busca é formar o alumnado, o persoal docente e as e os profesionais nas ferramentas que levarán a cabo a transición das empresas actuais cara a Industria do Futuro (Industry of the Future, IoF)”. 

Xemelgos dixitais

Xunto con Vigo, no programa Peer-Learning Experience participan neste momento as universidades Politécnica de Madrid, Cantabria, Sevilla, Valencia, León e Mondragón, cada unha delas con proxectos sobre diferentes temáticas, como a fabricación intelixente, fabricación aeronáutica, simulación ou enxeñaría de sistemas, entre outras. No caso de Vigo, o proxecto centrarase nun dos sectores estratéxicos para a comarca, a automoción, e orientarase ao desenvolvemento intelixente mediante as técnicas colaborativas de deseño en 3D e da enxeñaría de sistemas de produtos que integran múltiples tecnoloxías que van dende a mecánica e a electricidade ata a electrónica ou a automática. Deste xeito, empregando o software 3Dexperience trátase de construír modelos denominados "xemelgos dixitais" que permitirán ensaiar o seu comportamento en distintas situacións e circunstancias de funcionamento. “Os resultados destas simulacións poderanse comparar cos dos ensaios reais para afinar as súas variables de xeito que a súa resposta sexa representativa da do produto real, eliminando os tempos e custes derivados da elaboración de prototipos físicos para realizar ensaios de funcionamento”.

Nas primeiras fases do proxecto construirán prototipos dixitais de produtos e sistemas automatizados do automóbil sinxelos, avanzando na complexidade nas etapas sucesivas, evolucionando progresivamente cara o modelo ou "xemelgo dixital" do vehículo na súa totalidade que permita realizar ensaios virtuais representativos do vehículo real a desenvolver. Para o afinado deste modelo empregarase a información e técnicas de modelado proporcionadas por Dassault Systèmes, de xeito que o proceso descrito sexa representativo do que se desenvolvería nunha empresa real do sector da automoción no desenvolvemento dun novo modelo de vehículo.

Unha plataforma punteira nos sectores aeroespacial e do automóbil

“O proxecto baséase en actividades formativas e divulgativas empregando ferramentas que forman parte da plataforma software 3Dexperience de Dassault Systémes, que inclúe as aplicacións con maior presenza en sectores como o aeroespacial e o automóbil como Catia, Delmia ou Simulia”. Deste xeito, trátase de que o alumnado das enxeñarías teña unha mellor experiencia formativa, baseada nas mellores prácticas da Industria do Automóbil e na evolución das ferramentas colaborativas dispoñibles para o deseño e a simulación 3D e a enxeñaría de sistemas. Isto permitiría tamén mellorar a empregabilidade do alumado, ao coñecer os equipamentos integrados e a súa aplicación no deseño de novos produtos para a industria da automoción que respondan a problemas reais. Agárdase que o proxecto permita mellorar a capacitación do profesorado e estudantado das enxeñarías no desenvolvemento de produtos complexos do sector da automoción, trasladando este coñecemento ás empresas da contorna de Vigo e avanzando na súa transformación de cara á Industria do Futuro. De feito, o alumnado poderá manexar este paquete de ferramentas informáticas de calidade profesional  tanto dende a aula de informática como nos equipos informáticos, ao estar as licencias vinculadas aos usuarios individuais. “Esta é unha oferta irrenunciable para os nosos alumnos, que deberán ser axentes activos na transición das empresas da nosa contorna cara as Factorías do Futuro”, remarca Cerqueiro.

Un proxecto que nace da colaboración coa UPM

A Universidade de Vigo comezou a súa participación no programa Peer-Learning Experience da man da Universidade Politécnica de Madrid en 2016 dentro dun proxecto de fabricación dixital. A raíz desa colaboración con La Fondation Dassault Systèmes xurdiu a posibilidade de promover a candidatura de Vigo para outro proxecto, desta volta sobre o desenvolvemento do vehículo virtual. Tras a concesión en 2017 e a sinatura do convenio en 2018, non foi ata setembro do pasado ano cando botou a andar o proxecto, arrancando as accións formativas a comezos de 2019.