DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vindeiro luns, 22 de setembro, nos centros de A Xunqueira e o xoves, día 25, en Belas Artes

As escolas e facultades do campus dan a benvida aos estudantes de primeiro

Discursos, visitas guiadas e proxeccións de vídeos darán contido aos actos de apertura

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Ana Terceiro DUVI 19/09/2008
Co obxectivo de facer máis sinxela a incorporación dos novos estudantes á comunidade universitaria, as diferentes escolas e facultades do campus darán a benvida aos alumnos de primeiro con actos de apertura de curso para explicar o funcionamento dos centros. Deste xeito, o vindeiro luns 22 de setembro, comezarán as clases con discursos de benvida, visitas guiadas polas instalacións e proxeccións de vídeos institucionais, para que os universitarios establezan o primeiro contacto coa titulación que van a estudar e “coñezan de forma xeral como se desenvolverán as materias, as prácticas, os talleres, etc”, explicou o decano da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, José María Cancela. Precisamente neste centro celebraranse dous actos, un para os alumnos matriculados no primeiro curso das catro especialidades de Ciencias da Educación, que será ás dez da mañá, e outro para os novos estudantes da licenciatura en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, que terá lugar as 11 horas do mesmo luns. Ambos eventos estarán presididos polo decano, encargado de dar a benvida aos rapaces, e por representantes do profesorado, que describirán brevemente a metodoloxía que se seguirá nas aulas.

EUET Forestal, na EU de Fisioterapia e en Ciencias Sociais e da Comunicación

Esa mesma mañá abrirase o curso na Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal que, ademais de recibir aos novos matriculados, realizará unha xornada de portas abertas para todos aqueles que queiran coñecer un pouco máis de cerca a titulación e as instalacións coas que conta. Segundo explicou a dirección do centro, “o que queremos é amosar a contorna na que os alumnos vivirán os próximos anos e despexar calquera dúbida sobre a etapa académica que comeza”. A xornada principiará coa visualización dun vídeo institucional da Universidade e outro da escola, ao que lle seguirán unha serie de intervencións da man dos responsables do centro para explicar o plan de estudos, temas relacionados cos servizos que poden utilizar os estudantes, as bolsas ás que poden acceder e todo tipo de cuestións que poidan afectar a súa vida como membros da comunidade universitaria. Posteriormente, os representantes da delegación de alumnos daranse a coñecer e o persoal da Biblioteca Central do campus fará unha breve descrición do seu funcionamento, ademais de entregar algunha documentación e o catálogo de fondos bibliográficos. Para rematar o acto, farase unha visita guiada polas instalacións na que os rapaces coñecerán todas as aulas, laboratorios e salas nas que desenvolverán o seus estudos.
Ás doce da mañá tocaralle á Escola Universitaria de Fisioterapia que, logo de dar a benvida aos futuros diplomados, o seu director, Manuel Gutiérrez Nieto, entregaralles a guía da titulación, un documento no que se reflexa o plano de estudos, unha breve descrición das materias, unha explicacións dos horarios, os calendarios de exames, as titorías, as estancias clínicas, os programas de intercambio, cursos, etc. Ademais, no evento de apertura terá lugar a asignación de titores e orientadores a cada estudante, co obxectivo de “asesoralos e axudalos no seu primeiro ano”, sinalou Gutiérrez Nieto.
A outra facultade do campus de A Xunqueira, Ciencias Sociais e da Comunicación, tamén inaugurará o curso o vindeiro luns, cunha sinxela presentación do equipo do decanato e dos representantes dos servizos que ofrece o centro. Os alumnos de primeiro curso xa entrarán en materia coa conferencia de apertura que, baixo o título Da cultura e da comunicación ás industrias creativas: modas e trampas para a investigación, impartirá o profesor da Universidade Complutense de Madrid, Enrique Bustamante Ramírez.

O novo grao en Belas Artes, o xoves 25 de setembro

Pola súa banda, a Facultade de Belas Artes, a primeira da Universidade en adaptarse ao Espazo Europeo de Educación Superior, inaugurará oficialmente o curso e o novo grao o vindeiro xoves, 25 de setembro, “para esperar polos alumnos que se examinaron estes días da selectividade, xa que aínda temos algunhas prazas vacantes”, apuntou o decano do centro, Ignacio Barcia. Deste xeito, un pequeno acto “interno e pouco institucional”, segundo explicou Barcia, dará por inaugurado o novo grao, que contará con 130 estudantes de primeiro curso e polo menos outros tantos de segundo e terceiro. Os matriculados en cuarto e quinto rematarán a vella titulación sen mudar ao grao.