DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na competición medíronse dúas tripulacións integradas por alumnado do campus e da ENM

A Escuela Naval Militar imponse no III Trofeo Ría de Pontevedra

A regata levouse a cabo con embarcacións de remo de nove metros

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
DUVI Pontevedra 25/04/2025

Dúas tripulacións integradas por alumnas e alumnos de diferentes centros do campus de Pontevedra e por estudantes da Escuela Naval Militar (ENM) mediron forzas na tarde deste xoves na III Regata Cátedra Álvarez-Ossorio-Trofeo Ría de Pontevedra, na que se alzou como vencedor o alumnado do centro formativo da Armada. Promovida pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra e a ENM, co patrocinio do Consello Social da Universidade de Vigo, a competición desenvolveuse nesta edición en Marín e levouse a cabo con embarcacións de remo de nove metros de eslora. 

A proba, que puido seguirse desde a dársena da ENM, estivo conformada por unha única manga, composta por dous tramos de 500 iardas e unha ceavoga, que as alumnas e alumnos percorreron a bordo dunha embarcación comunmente coñecida na Armada como ‘nove metros’ e empregada historicamente na formación mariñeira dos futuros e futuras oficiais. Dúas tripulacións mixtas, integradas por catorce remeiros e remeiras, un patrón e pregoeiro, tomaron parte nesta regata, na que o campus competiu cun grupo de estudantes das facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Fisioterapia, así como da Escola de Enxeñaría Forestal.

O trofeo permanecerá en Marín ata 2026

Organizada coa colaboración da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra e do Gremio de Mareantes, a xornada completouse cun acto de entrega de premios no que participaron o comandante director da ENM, Pedro Cardona, e a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón. Nela, o alumnado da ENM levantou por primeira vez este Trofeo Ría de Pontevedra, ao que cada ano se incorpora unha placa co nome da institución gañadora. Nas dúas edicións previas, disputadas nas proximidades do peirao das Corvaceiras, a vitoria foi para o alumnado campus pontevedrés. No primeiro de casos, nunha regata levada a cabo con barcos dragón, unha modalidade de piragüismo orixinaria da China, e na segunda, con bateis. Agora, como recolle a súa normativa, a ENM encargarase de custodiar este trofeo ata a seguinte edición da regata.

Esta competición insírese na programación da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, impulsada en 1994 pola Armada e a Universidade de Vigo como órgano de relación institucional para temas culturais, científicos, técnicos, humanísticos e de interese común entre estas dúas institucións, ao abeiro da que se desenvolven ao longo do curso diferentes conferencias e mesas de debate, xunto con outra serie de actividades, como esta regata ou o Concerto de Nadal da Unidade de Música da ENM.