DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na pasarela na que titulados e tituladas presentarán as súas coleccións, o 21 de novembro

Esdemga convida á cidadanía a debutar como modelo

Por primeira vez desfilarán os traballos finais do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 03/10/2019

Concibido como unha ponte entre o mundo académico e profesional, na que os novos titulados e tituladas de Esdemga presentan as coleccións que desenvolveron como traballo de fin de estudos, o desfile Debut celebrará a súa décimo terceira edición o 21 de novembro no Pazo da Cultura. Co propósito de reunir os voluntarios e voluntarias que fagan posible levar estes deseños á pasarela, Esdemga abre neste mes de outubro o período de inscrición para todos aqueles e aquelas que queiran colaborar co evento exercendo como modelos. 

As persoas interesadas en colaborar cun desfile que reúne cada ano máis de 1500 persoas no Pazo da Cultura poden acudir ao despacho de Esdemga, na Facultade de Belas Artes, entre as 9.30 e as 13.30 horas de luns a venres ou entre ás 16.30 e as 18.30 horas os martes e xoves, así como contactar coa organización a través do enderezo electrónico info.esdemga@uvigo.es. “Trátase dunha colaboración totalmente amateur, para a que cada ano buscamos grupos de xente de diversas idades, xa que tanto o número de modelos como os perfís dependen do que requiran as coleccións que finalmente se presenten”, explica a directora de Esdemga, Lola Dopico. Máis de 60 persoas colaboraron en 2018 na anterior edición dunha pasarela “que sería imposible sen a colaboración que temos sempre e que é tamén unha forma de que o desfile se viva non só como algo da escola, senón como un evento no que participa moita xente de todas as idades”.

Ás persoas que nestas semanas acudan polas dependencias de Esdemga “tomaránselle diversas medidas e abriráselles unha ficha”, explica Dopico, xa que serán as características dos proxecto as que finalmente determinen a selección, “xa que hai anos nos que hai moitas coleccións masculinas, outros nos que hai más femininas, ou coleccións que requiren de xente máis alta ou máis miúda”. 

A edición con maior número de proxectos finais

A décimo terceira edición dun evento que reúne cada ano a numerosos representantes da industria da moda será tamén a primeira na que desfilarán sobre a pasarela os traballos de fin de mestrado realizados por alumnado do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, un posgrao que iniciou a súa andaina no curso 2017-2018 e que substituirá aos Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galicia, título propio da Universidade de Vigo. De feito, neste 2019 optarán aos premios ás mellores coleccións tanto traballos de fin de mestrado como as coleccións que constitúen os proxectos de fin de estudos do alumnado do título propio, que finalizou a súa docencia o pasado curso. “De momento non está pechado o número, pero vai ser o ano no que se presente un maior número de proxectos finais”, recoñece Dopico, que explica que o desfile completarase coa presentación na pasarela de traballos realizados no primeiro curso do mestrado. 

Do mesmo xeito, a organización do desfile verase complementada, na semana da súa celebración, por unha serie de talleres e conferencias, así como por unhas xornadas técnicas nas que os novos titulados e tituladas manterán unha serie de entrevistas con responsables de recursos humanos de diferentes empresas do sector.