DUVI

Diario da Universidade de Vigo

44 universidades e escolas do mundo foron seleccionadas para a pasarela internacional

Esdemga repite como única representante española na Graduate Fashion Week

A titulación estará representada en Londres pola colección da egresada Paloma García

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Internacional
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 27/05/2019

Milleiros de persoas pasarán entre o 2 e o 5 de xuño pola Truman Brewery de Londres con motivo da celebración da Graduate Fashion Week, o evento no que 38 universidades e escolas de moda británicas presentan as colección dos seus novos titulados e tituladas e que se completa á súa vez cunha pasarela internacional que reúne 44 centros de todo o mundo e no que Esdemga será por terceiro ano consecutivo a única representante española. “Para nós desde logo é moi importante participar nun evento para o que fan unha selección das mellores escolas do mundo”, salienta a directora dos estudos que se imparten na Facultade de Belas Artes, Lola Dopico, despois de que a candidatura de Esdemga fose seleccionada por terceira vez para participar no International Catwalk Show, que se desenvolverá o 5 de xuño, na xornada de clausura dun evento que reúne cada ano a representantes das principais firmas de moda nunha cidade que, lembra, constitúe no mundo da moda “un escaparate cunha capacidade de atracción a nivel mundial”.

O Bunka Fashion College de Xapón, os institutos Marangoni de París e Milán, a New School Parsons de Nova York, a Shih Chien University de Taiwán ou a Universidade das Artes de Berlín forman parte, xunto á Universidade de Vigo, dos 44 participantes que optarán cos proxectos do seu alumnado ao International Fashion Award desta Graduate Fashion Week, na que Esdemga estará representada sobre a pasarela por Frágil, a colección que constituíu o traballo de fin de estudos de Paloma García, que esta egresada presentou na última edición de Debut.

Unha oportunidade de aprender e proxectarse

Esdemga foi convidada por primeira vez á Graduate Fashion Week en 2017, despois de que o responsable da súa pasarela internacional e director de Educación da Accademia Costume e Moda de Roma, Adrian Roberts, coñecese o traballo que realiza o seu alumnado como integrante do xurado de Debut. En 2018, os estudos do campus pontevedrés figuraron de novo como único representante español entre os seleccionados para esta pasarela internacional. “Este ano volveron seleccionar o traballo que propuxemos e nese sentido a colaboración afiánzase”, apunta Dopico dun evento que por unha banda supón “a oportunidade de participar neste premio", pero que tamén permite “ver o que está facendo as melloras escolas do mundo”. Nese senso, a directora de Esdemga incide na importancia da Graduate Fashion Week como “unha oportunidade non só para amosarnos, senón tamén para aprender, para coñecer a directores de diferentes escolas, ver como traballan, intercambiar información...”.

Unha “oportunidade incrible” para unha colección autobiográfica

Para representala nesta Graduate Fashion Week, Esdemga seleccionou a colección que Paloma García Santos estreaba en Debut 2018, Frágil, que esta egresada presenta como “un achegamento artístico ao proceso de cubrir o corpo”. “Parecíanos unha colección que ofrecía algo moi diferente ao que levamos o ano pasado e que podería representar moi ben a escola alí, salienta Dopico da selección deste proxecto para unha pasarela que García Santos define como “unha oportunidade incrible”. 

Concretamente, García presentará nesta pasarela seis dos estilismos que integraban o seu proxecto de fin de estudos, que define como un traballo “autobiográfico, experimental, interdisciplinar e psicolóxico... un pouquiño psicótico, un pouquiño caótico, melancólico, divertido, contraditorio e irreverente”. Unha selección que centrou “nas prendas que máis significación formal, visual e emotiva teñen para min”, explica esta egresada, que é tamén titulada en Belas Artes e conta así mesmo con estudos de arquitectura e piano. “É difícil meter o pé na industria da moda, e máis facendo o que eu fago”, salienta García Santos, para quen “a creatividade máis aló do mainstrean non é moi valorada en Galicia de momento”, polo que entende que “saír a un lugar tan multicultural como Londres pode ser unha maneira xenial de atopar quen valore o meu particular punto de vista do mundo”.