DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O teatro volve hoxe cunha peza da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia

A esencia do ser humano centra a terceira representación da Miteu

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Teatro
  • Cultura
DUVI 25/04/2019

A vixésimo primeira edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario retomou as representacións onte, mércores, no Teatro Roberto Vidal Bolaño coa representación de Círculo. A última estrea da Aula de Teatro Universitaria de Vigo, dirixida por Sonia Rúa e Casilda Alfaro, é unha adaptación da novela homónima do escritor Suso de Toro, que aborda “a esencia do ser humano e a volta a nós mesmos, dese recoñecernos no espello que é o outro, e no espello do outro que somos nós”, como explican dende a compañía. 

Círculo achegou aos espectadores que acudiron ao teatro da Cidade Universitaria a vida dun escritor, Nano, que quere falar do que lle vén en gana, crear a súa propia obra e non a que lle ditan as editoriais para transcender a través dela e alcanzar así a inmortalidade. Arredor de Nano van saíndo personaxes que, procedentes do seu imaxinario, completan un elenco coral, que remata a obra como a empeza, pechando ese círculo que dá título á peza.

Semana con dobre sesión

Tras a representación este mércores de Círculo, a Universidade ten unha nova cita coa XXI Miteu da man da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Hoxe, as 18.30 horas, os alumnos da ESAD subirán ás táboas do Vidal Bolaño para representar PARA. ELA, unha peza escrita e dirixida pola docente María Francelina.