DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A edición deste ano inclúe como novidade unha categoría musical

Espallando o galego pola rede: Youtubeir@s está de volta

Pódense mandar propostas ata o 27 de setembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Estudantes
DUVI 26/06/2019

Youtubeir@s chegou para quedar e segue a pisar forte, apropiándose dos temas cos que máis se identifica a mocidade, compartindo un monte de creatividade, diversidade e sabedoría. Vídeos de opinión sobre o cambio climático, videotitoriais con técnicas para non morrer do aburrimento mentres se estuda ou vídeos musicais que sexan éxitos do verán e que se fagan virais ata ben pasado o Nadal. Todo en galego, todo en youtube. Isto promove o certame Youtubeir@s co obxectivo de encher a rede de canles, de opinións, de titoriais e como novidade na convocatoria deste ano, con música.  

Trátase dunha iniciativa de dinamización lingüística focalizada na promoción do galego entre a poboación máis nova, xa que “como é ben sabido, constitúe un suxeito social cuxa relación co galego é inédita respecto das xeracións anteriores, na medida en que goza dun coñecemento relevante da lingua, ten un posicionamento ideolóxico favorecedor ou, cando menos, non hostil co idioma, pero que, pola contra, non é quen de activar a lingua en numerosos espazos de uso”, salienta Fernando Ramallo, director da Área de Normalización Lingüistica da Universidade de Vigo.

Organizado polas áreas de normalización lingüística das tres universidades galegas, 13 concellos e a Deputación da Coruña, Youtubeir@s chega este ano a súa terceira edición, tralo paso de 400 participantes en anos anteriores. 

Redes sociais e creatividade

As redes sociais están consolidadas coma unha das formas predominantes de comunicación entre o sector máis novo da sociedade, polo que “a promoción das linguas minorizadas non pode quedar allea ás condicións comunicativas artelladas arredor delas”, salienta Ramallo, que tamén subliña que “no caso de Youtube, como calquera rede audiovisual, estamos ante o formato, practicamente hexemónico, de acceder a contidos multimedia para boa parte da poboación que ten menos relación cos medios tradicionais. A fortaleza comunicativa, innovadora e creativa que se pon en funcionamento con Youtube fai deste medio unha ferramenta idónea para a promoción do galego”, asegura o director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo.

Youtubeir@s supón unha grande oportunidade para dar saída a toda a creatividade que o alumnado universitario leva dentro e que, moitas veces, queda nun segundo plano. Ademais, trátase dun certame no que cabe a posibilidade de posicionarse, de darse a coñecer para “compartirmos todo o que levamos dentro”, salienta Ramallo. 

Premios e inscrición

Youtubeir@s non quere deixar sen recompensa o esforzo das e dos participantes, así que un dos incentivos para concursar é a dotación económica dos premios, que pasou dos 5500 euros da pasada edición aos 6500€ en total, que se repartiran na de este ano.  Os premios repartiranse en catro categorías principais: video-facermos, video-opinarmos, video-cantarmos e canle, dotados con 1000€ en cada unha delas, por unha banda e, por outra, haberá premios de 500€ para a proposta máis creativa, a máis eficiente, a de mellor calidade técnica, a de mellor calidade lingüística, así como a mellor #propostayoutubeira. 

Ademais dos premios, Youtubeir@s inclúe actividades de visibilización dos creadores e creadoras, formacións específicas, dinamización e xeración de contidos nas redes sociais e a sinerxías con festivais e con outros proxectos culturais galegos. Neste sentido, compre destacar Youtubeir@s en conexión, unha actividade que xorde co obxectivo de consolidar a comunidade de youtubeiros e youtubeiras, ampliando a súa base social e dando visibilidade ao seu traballo na creación de contidos en galego. 

O prazo para inscribir os vídeos e canles no Premio Youtubeir@s permanecerá aberto ata o 27 de setembro. As persoas participantes deben inscribirse a través da web de Youtubeir@s e cada autor ou autora pode participar con tantos vídeos ou canles como desexe.

Este venres Lista de reprodución ao vivo

Este venres, entre as 18.00 e as 20.00 horas no Centro de Estudos Avanzados da USC, os youtubeir@s xuntaranse por terceira vez no que vai de ano. Lista de reprodución ao vivo é un encontro para achegar aos youtubeir@s ao seu público, no que os seguidores e seguidoras poderán elixir tres vídeos para que se reproduzan 'en vivo'. A medida que se vaian lanzando os vídeos, os espectadores poderán realizar preguntas e interactuar cos creadores e creadoras en reunións que terán unha duración máxima de 20 minutos.