DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o último informe de conxuntura do Foro Económico

España e Galicia, aínda lonxe de recuperar os niveis económicos prepandemia que xa acadaron Portugal, Francia ou Italia

No documento apuntan “novos factores de inestabilidade” como a elevada inflación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 06/07/2022

O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou este mércores en Santiago de Compostela o seu Informe de Conxuntura Socioeconómica II/2022. Nel destácase que España e Galicia están “lonxe aínda de recuperar os niveis económicos prepandemia que xa acadaron Portugal, Francia ou Italia” e apúntase como “novos factores de inestabilidade” a elevada inflación, os confinamentos manufactureiros en China, o conflito en Ucraína, o retraso na execución española dos fondos europeos e o crecente clima de incerteza financeira internacional.

O documento, elaborado trimestralmente polos expertos do Foro Económico de Galicia Patricio Sánchez e Santiago Lago (ambos profesores da Universidade de Vigo) e Fernando González Laxe (coordinador) e José Francisco Armesto, recolle que “no primeiro trimestre deste ano a economía galega medrou un 5,1%, unha porcentaxe significativamente inferior á media estatal (6,4%) e moi preto do 5,2% da taxa interanual da UE, onde compre salientar o 11,9% de Portugal impulsado pola achega da demanda interna; e Italia, co 6,2%, mentres Alemaña está moi por baixo da media comunitaria, cun 3,8%”. A recuperación da economía, indícase en nota de prensa desde o Foro Económico de Galicia, “segue a ser incompleta en Galicia e en España, a diferenza do que acontece na UE-27, Portugal, Francia ou Italia, que superaban xa o nivel existente no cuarto trimestre de 2019”.

Os expertos do Foro Económico de Galicia apuntan a un contexto internacional caracterizado por un elevado grao de incerteza derivado en boa medida do impacto negativo da invasión da Ucraína, así como a incidencia de novos confinamentos en centros manufactureiros de China (que afectan á cadea de subministro de industria manufactureiras e ao comercio internacional) ou o retraso da execución dos fondos europeos. A estes factores, engaden “a persistente tensión inflacionista que constitúe a grande ameaza da economía non só polo seu impacto no consumo das familias, que ven como se deteriora o seu poder adquisitivo, senón tamén polo empeoramento das expectativas empresariais e, por tanto, unha posible contracción do investimento, e que incluso dana a supervivencia de moitas micropemes”.

PIB e mercado laboral

O crecemento agregado do PIB galego, sinalan no informe presentado, caracterízase por unha contribución positiva tanto da demanda interna coma externa, sendo esta última moito máis acusada (1,5 e 3,6 puntos, respectivamente). No que atinxe á demanda interna, o elemento -negativo- diferencial, indican os economistas, é unha nova redución do investimento, que descende de maneira continuada dende o cuarto trimestre de 2019 (agás no segundo trimestre de 2021). No caso do sector exterior, fronte ao incremento interanual das exportacións, volven a reducirse as compras fóra de Galicia. En relación ao nivel precrise, a devandita recuperación incompleta débese, segundo os expertos do Foro Económico de Galicia, ao comportamento do consumo privado e, sobre todo, á caída do investimento. Dende o lado da oferta, o crecemento do PIB en Galicia explícase no informe en boa medida polo comportamento do sector servizos, impulsado polas actividades do comercio, transporte e hostaleira (no ano anterior aínda existían restricións á actividade); e o sector primario, o que contrasta coa contracción experimentada tanto pola construción como polo conxunto da actividade industrial (incluídas as actividades extractivas, manufactureiras e enerxéticas) a pesar da medra que presenta a industria manufactureira.

En canto ao mercado laboral galego, o informe sinala que o primeiro trimestre de 2022 consolida os seus indicadores, que amosan unha evolución favorable agás na poboación parada e a taxa de paro, que apuntan unha tendencia desfavorable respecto ao remate de 2021. A poboación activa recuperou no primeiro trimestre de 2022 a tendencia crecente rachada en decembro do 2021. Porén, non se chegou a acadar o máximo de persoas en activo do terceiro trimestre do pasado ano, segundo os expertos do Foro Económico. Na evolución trimestral da ocupación en Galicia recollida en taxas pode comprobarse, engaden, “como tras o espectacular incremento acontecido no segundo trimestre de 2021, dende a segunda metade do ano pasado mantense unha tendencia crecente tanto en termos de postos de traballo a tempo completo como de afiliacións á Seguridade Social”. Onde se recollen os peores datos, comentan os economistas, é na evolución do mercado laboral galego. Así, no primeiro trimestre continuouse a senda crecente comezada no último trimestre de 2021 na poboación parada e a súa taxa de paro. “O trazo positivo haino que buscar no paro de longa duración que, tras o incremento do pasado trimestre, volveu a recuperar a súa tendencia decrecente”, afirman.