DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A programación da Miteu apura as últimas actuacións antes da súa clausura

Unha ‘España ingobernable’ antes das ‘Implosións, drogas, pasma e outras cousas das que preocuparse’

O sábado será a entrega de premios e a actuación da Aula Maricastaña

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Ourense 10/05/2019

A programación da 24ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu) apura as súas últimas actuacións antes da súa clausura o sábado 11 de maio. Se o xoves pola noite subía ao escenario Alberto San Juan e Fernando Egozcue para falar da España ingobernable este venres farano Los Pinches Chamacos e Teatro del Barrio para xa o sábado baixar o pano desta edición coa actuación da Aula Universitaria de Ourense Maricastaña, que representará a súa obra Implosións, drogas, pasma e outras cousas das que preocuparse.

Alberto San Juan e Fernando Egozcue trasladaron ao público presente no auditorio o seu “relato daquelas ocasións nas que o pobo, os de abaixo, a cidadanía, a chusma, foi quen de organizarse na rúa para loitar polos dereitos e as liberdades públicas, desde a Segunda República ata hoxe”, facendo unha narración baseada en texto propio e alleo, con poemas, discursos, novas, cancións... Seguiralle este venres a actuación de Los Pinches Chamacos, que representará no Teatro Principal a obra Papá está en la Atlántida, e de Teatro del Barrio, que subirá ao escenario do Auditorio Municipal a peza La sección (Mujeres en el fascismo español).

A programación da 24ª edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense pecharase o sábado no Teatro Principal coa celebración da súa gala de clausura e entrega de premios. O premio que concede en cada edición a mostra recaerá nesta ocasión na xornalista, escritora e académica Ana Romaní. Neste acto tamén se darán a coñecer e entregarán os outros galardóns da Miteu, como son o Premio do Xurado e do Espectador Carlos Couceiro e Begoña Muñoz e o Premio á Mellor Resolución Técnica Suso Díaz. De seguido, a Aula Universitaria de Ourense Maricastaña representará a súa obra Implosións, drogas, pasma e outras cousas das que preocuparse. A obra fai unha viaxe polas vivencias de personaxes que habitan nos baixos fondos dunha cidade, entre rúas multiculturais, perigos, disparos, sospeitas, interrogatorios, desaparicións e amores que forman parte do cotiá.