DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o Barómetro de Transición Energética elaborado por Economics for Energy

España mellora lixeiramente o seu índice de descarbonización pero precisa medidas que aceleren e consoliden a transición enerxética 

Xavier Labandeira e Pedro Linares presentaron o informe hoxe en Madrid

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 12/06/2019

España mellorou lixeiramente o seu índice de descarbonización en 2018, respecto a 2107, pero cómpre apostar con rapidez por medidas de alcance para acelerar e consolidar a transición enerxética á marxe de cuestións conxunturais. Esta é unha das principais conclusións do Barómetro de Transición Energética, posto en marcha hai una ano polo centro de investigación Economics for Energy, e no que tamén se apunta que a leve redución das emisión de dióxido de carbono ao longo do ano pasado se debeu, fundamentalmente, a unha maior achega da enerxía hidráulica, un factor suxeito a circunstancias dificilmente controlables como a meteoroloxía. 

Na presentación do informe, que tivo lugar esta mañá en Madrid, os directores de Economics for Energy, o catedrático de Economía da Universidade de Vigo Xavier Labandeira e o profesor da Escuela Técnica Superior de Ingeniería ICAI Pedro Linares, insistiron “na necesidade de que España acelere o seu ritmo de transición cara un modelo enerxético sostible marcado por un avance na integración das enerxías limpas a custos razoables e polo aproveitamento do elevado potencial de aforro enerxético, á vista da lentitude nos avances rexistrados durante os últimos anos”. E é que apesares da redución rexistrada no gasto en enerxía, no ano 2018 empeorou a seguridade do subministro en España respecto a 2017, aínda, que como contrapunto, continuou a tendencia á baixa no custo das reservas para integrar enerxías renovables.

En relación coa descarbonización, a análise do volume de emisións de gases de efecto invernadoiro desvela unha lixeira redución en 2018, de xeito que se  2017 remataba cun 21% de incremento sobre as de 1990, o pasado ano a cifra contívose ata o 15,4%. En relación a 2005, a redución pasou do 21% de 2017 ao 24% en 2018, sendo o principal factor asociado a este pequeno avance unha maior achega da enerxía hidráulica ao mix enerxético. Non obstante, as emisións seguen a ser algo superiores ás de 2016 e as cifras están aínda lonxe dos obxectivos formulados pola Unión Europea para España ou dos que propón o Plan Nacional Integrado de Energía y Clima. En canto ao índice de emisións en relación co Produto Interior Bruto (PIB), segundo dos factores analizados en relación á descarbonización, o informe desvela un pequeno avance en 2018 que contribúe á mellora da descarbonización relativa da economía sobre 2010. Non obstante, un ano máis esta é inferior á experimentada no conxunto da UE o ano pasado.

Contención do gasto e os prezos

 En relación ao asequible da enerxía, detectouse un lixeiro punto de inflexión no gasto na enerxía sobre o PIB, que se incrementara un pouco en 2017 e o ano pasado reduciuse ata acadar o nivel máis baixo desde o inicio desta década. Isto indicaría, segundo o informe, unha mellora na intensidade do consumo enerxético primario da economía española, debida principalmente á maior contribución da enerxía hidráulica, que permite reducir o uso de combustibles fósiles, acompañada dunha redución do custo da enerxía para as e os usuarios residenciais. Aínda así, a intensidade enerxética segue a ser superior á media europea, o que fai que o gasto español, a pesares de conterse, continúe por riba dos niveis da UE. Segundo a análise de Economics for Energy, isto representa un claro sinal do importante potencial que ten o aforro enerxético como instrumento para a descarbonización e a necesidade de explotalo.

O mesmo ocorre cos prezos, que, logo de dous anos seguidos de incremento, en 2018 baixaron ata quedarse preto dos valores de 2010, una redución superior á experimentada no conxunto da UE, o que se explica fundamentalmente, pola baixada dos prezos da electricidade e o gas para usos residenciais, que compensou o lixeiro incremento dos prezos do petróleo.

Máis capacidade e menor custo en xestión de renovables

En relación coa seguridade de subministro, o punto positivo é a continuidade durante 2018 do descenso, tanto  da cantidade, como do custo das reservas eléctricas, especialmente este último, que acumula un descenso superior ao 60% desde 2010.  Por outra banda, en termos de seguridade económica, o informe revela que España empeorou en 2018 a súa xa elevada exposición á volatilidade dos prezos internacionais dos combustibles fósiles. Tras un aumento acusado de volatilidade dos prezos do gas e o petróleo en 2014, os valores de 2017 experimentaran unha mellora en termos de axuste da economía, que o ano pasado sufriu un retroceso. Pola súa banda, a seguridade das importacións tamén empeorou en 2018, aínda que a situación segue a ser máis favorable que no conxunto da UE.