DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Por Laura Sánchez Piñón, conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

O Espazo Europeo de Educación Superior, unha oportunidade para avanzar en competitividade

Etiquetas
  • Vigo
DUVI 25/09/2007
En primeiro lugar, como conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, gustaríame darvos a benvida a este novo curso académico universitario 2007/2008 animándovos a sacar o máximo proveito deste período, e desexándovos que sexa o máis gratificante posible tanto para a vosa vida persoal como laboral.

O futuro de Galicia está nas súas universidades, institucións onde a innovación e a investigación son protagonistas. Precisamente, a universidade de Vigo, que conta con tres campus e 57 titulacións, destaca pola súa capacidade innovadora e polo seu compromiso coa tecnoloxía, piares que a levarán a xogar un grande papel na nova realidade universitaria europea, o chamado Espazo Europeo de Educación Superior.

Como responsable da Administración educativa en Galicia, síntome plenamente comprometida e ao mesmo tempo ilusionada diante deste novo escenario. O Espazo Europeo de Educación Superior dotará a Europa dun sistema universitario homoxéneo, compatible e flexible que posibilite aos estudantes e titulados universitarios unha maior mobilidade, ao tempo que lle brindará uns niveis de transparencia e calidade que o fagan atractivo e competitivo a nivel internacional.

A Comunidade galega ten avanzado moito nos últimos anos de cara a consolidar e construír un sistema universitario que se constitúa como un polo de atracción para o resto do mundo. Galicia xa está inmersa neste proceso de cambio. Este curso que comeza, as tres universidades galegas ofertarán un total de 71 programas oficiais de posgrao, e os primeiros títulos adaptados a Europa comezarán a impartirse na Comunidade galega no curso 2008/09.

A data límite para a posta en marcha do futuro Espazo Europeo de Educación Superior está fixada para o ano 2010, pero Galicia xa ten moito recorrido. É necesario afrontar este reto sen medo, pois as universidades galegas levan tempo preparándose para este proceso a través de experiencias piloto entre as que destacan titulacións nas que xa se están a impartir títulos baixo as directrices de Bolonia.

Ademais, a política da Consellería de Educación de cara ao fomento da mobilidade dos estudantes contribuirá a esta adaptación. Este curso 2007/08 continuaremos esta liña a través de máis e mellores axudas complementarias Erasmus, bolsas para realizar prácticas en empresas europeas e para os programas de intercambio a países extracomunitarios.

Todo isto destinado á mellora da formación do estudante universitario, que é quen xoga un papel fundamental neste proceso de cambio, xa que pasa a ser o centro do sistema e o principal actor do mesmo. O novo espazo recolle un cambio da filosofía dos estudos, dando maior importancia ao manexo das ferramentas de aprendizaxe que a mera acumulación de coñecementos, de xeito que se leven á práctica e se utilicen eficazmente os saberes adquiridos. Ao mesmo tempo, no Espazo Europeo de Educación Superior ocupa un papel destacado a formación ao longo de toda a vida, tanto a académica como a laboral do titulado universitario.

Estes aspectos dan conta da nova concepción da institución universitaria, que se adapta á realidade do século XXI aproveitando as potencialidades de cada rexión e dándolles ao mesmo tempo unha necesaria dimensión europea. Nas mans de todos está situar Galicia no lugar que lle corresponde na sociedade do coñecemento, un camiño que non será doado nin sinxelo pero que coa colaboración, o traballo e entusiasmo de todos, profesores, estudantes, órganos universitarios e Administracións, farase realidade.

Calidade, mobilidade, diversidade e competitividade, estes son os principios que guían a nosa acción. Desde aquí convídovos a participar activamente neste reto. Os meus mellores desexos para este novo curso académico que comeza.