DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A compositora Lula Romero impartiu un obradoiro en Belas Artes

Como o espazo e o feminismo poden mudar a composición musical

Partindo da súa experiencia, avogou por unha creación musical horizontal que involucre ao espectador

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 20/10/2017

Un xeito diferente de entender a composición musical, isto é o que nas xornadas de xoves e venres achegou ao alumnado de Belas Artes a compositora Lula Romero, protagonista dun obradoiro inserido no ciclo Da arte sonora e da música contemporánea, que o grupo de investigación DX7 promove coa colaboración de Vertixe Sonora. Rachando coa idea tradicional “da figura do compositor como un mestre que escribe a súa idea e lla dá a uns músicos que se limitan a interpretala” desde o escenario, Romero trasladou unha concepción diferente da creación sonora, vinculada a idea do espazo e poñéndoa en relación co feminismo. Unha idea que pasa por abordar o proceso de composición dun xeito máis horizontal e por converter o espazo que acolle o concerto nun material da creación.

Inserido nun ciclo formativo que complementa a programación do Festival Internacional de Creación Musical Contemporánea, que Vertixe Sonora promove xunto co Campus CREA S2i, o taller Espazos compartidos: espazo, material e estrutura na creación sonora, centrouse, en primeiro termo, na presentación de diferentes materiais sonoros cos que abordar “o tratamento do espazo na composición contemporánea e que me influíron como creadora”, como explica Romero, titulada superior de Composición Profesional de piano e licenciada en Historia da Arte, que actualmente cursa estudos de doutoramento artístico en composición na universidade austríaca de Graz.

Composicións horizontais lonxe do pedestal

Este percorrido sonoro, que centrou a primeira xornada do taller, completouse coa presentación de composicións da propia Romero, como Die Wanderung, a obra que este domingo Vertixe Sonora Ensemble estreará nun concerto no Teatro Principal. Pezas nas que esta compositora, recoñecida con premios como o Giga-Hertz Production Priz, o Kompositionsstipendium do Senado de Berlín ou o Berlin-Rheinsberger Kompositionspreis, aborda o papel que o espazo pode xogar na creación sonora, ao tempo que puña en relación a investigación musical cunha óptica social e feminista.

“O son nunca está nun baleiro, prodúcese sempre nun espazo, esta influenciado polo espazo no que se desenvolve á vez que pode influenciar tamén como se vive ese espazo”, salienta a compositora, que incide no poder da música para “transformar” eses lugares nos que ten lugar, “facéndoos máis atafegantes, máis pracenteiros” ou potenciando a sensación física da súa dimensión a través da reverberación. “Interesábame usar de maneira artística o espazo como material e conectalo tamén con cuestións políticas, de apertura”, apunta esta compositora e investigadora, que abordou neste obradoiro a posibilidade de “rachar coa barreira” que supón ter aos músicos no "pedestal” do escenario e colocalos en diferentes lugares, a carón das e dos oíntes. Deste xeito, engade, “a perspectiva a maneira de escoitar por parte do público é distinta, pero tamén a maneira de tocar do instrumentista”.

Nesa mesma idea de “rachar coa dinámica burguesa do concerto” e coa “postura xerárquica do heteropatriarcado”, Romero defendeu, desde unha óptica feminista, outro xeito de entender a composición, que en lugar de ser “a transcrición dunha idea pre-concerto”, promova unha “relación horizontal, non xerárquica, entre compositor e intérprete”. Un xeito de compor que, explica, non dá forma a unha obra en si “senón a unha serie de regras que entran en discusión co intérprete e que se articulan nun concerto, que é onde a obra aparece”, de tal xeito que a “autoría sexa conxunta” e a esta se sume tamén o público, “que a especialidade fai tamén suxeito da creación sonora”.

Coordinado polo profesor Ignacio Barcia e o director artístico de Vertixe Sonora, Ramón Souto, a segunda edición deste ciclo de conferencias e obradoiros, que abriu unha conferencia do músico israelí Dror Freiler o 29 de setembro, pecharase o vindeiro xoves 26 co taller Sistemas interactivos para música, que impartirá nesta facultade o músico grego Tychonas Michailidis.