Nunha conferencia europea organizada no marco do proxecto EC4Rural, liderado pola UVigo
Especialistas de 20 países debaten en Vigo sobre as comunidades enerxéticas rurais e o seu papel cara unha “transición verde e xusta”
22 concellos galegos e 12 de Estonia acollerán plantas piloto fotovoltaicas en edificios públicos
Na Unión Europea, as rexións rurais representan o 44,6% da superficie e nelas vive o 20,8% da poboación total dos estados membros. A pesar de que adoitan contar con abundantes recursos naturais, esta zonas caracterízanse polo envellecemento demográfico, a despoboación, a falta de oportunidades laborais ou a insuficiencia de infraestruturas. Estas dificultades tradúcense a miúdo en pobreza enerxética debido ás desorbitadas tarifas enerxéticas, polo que en diversos puntos de Europa comezaron a xurdir alternativas: as comunidades enerxéticas rurais, unha resposta de acción social e colectiva que aposta pola produción de enerxías renovables e a venda de excedentes enerxéticos. Para avanzar no seu desenvolvemento, este mércores o campus de Vigo acolle a celebración da Conferencia europea sobre Comunidades enerxéticas rurais: tendendo pontes entre a acción local e a transición cara a enerxías limpas.
O simposio reúne 120 persoas procedentes de 20 países, incluíndo representantes de comunidades enerxéticas e de grupos de acción local, persoal investigador, asociacións, organizacións implicadas en comunidades enerxéticas, autoridades locais e rexionais e persoas comprometidas coa transición verde comandada pola cidadanía.
A conferencia está organizado polo proxecto EC4Rural, liderado pola Universidade de Vigo, que ten como obxectivo transformar as relacións entre as entidades locais, rexionais e as comunidades rurais para contribuír á transición enerxética limpa de Europa a través dunha participación activa e xusta. A cita, con sede na Facultade de Filoloxía e Tradución, permitiu xerar sinerxías, intercambiar experiencias e fortalecer novas redes para fomentar a colaboración entre as partes interesadas no ámbito das transicións enerxéticas rurais e, especialmente, as comunidades enerxéticas en toda Europa. Ademais, dado que o evento coincide co ecuador do proxecto EC4Rural, serviu tamén para amosar os progresos acadados nos dous primeiros anos de traballo deste consorcio de dez socios de tres países (España, Estonia e Bélxica) que botou a andar en setembro de 2023 cun orzamento de 1,6M€ cofinanciado polo Programa LIFE da Unión Europea.
Unha aposta pola participación cidadá e as redes locais
No acto de apertura participaron a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, Belén Rubio; o presidente da Federación Galega da Municipios e Provincias, Alberto Varela; e o responsable do proxecto, o catedrático da UVigo Xavier Simón. A vicerreitora puxo en valor o espírito que subxace no proxecto EC4Rural, “conectar xente, territorio e coñecemento” para avanzar cara a “transición enerxética sostible”. Neste sentido, lembrou que UVigo está plenamente aliñada coa procura da sustentabilidade e a responsabilidade social, poñendo en marcha diferentes medidas de aforro enerxético, substitución de fontes tradicionais de enerxía por alternativas limpas e renovables ou redución da pegada enerxética. Esta estratexia, engadiu, serviulle á UVigo para situarse no GreenMetric World University Ranking no posto 262 do mundo e no 11 entre as universidades españolas.
Pola súa banda, o presidente da Fegamp lembrou que a transición enerxética “deixou de ser unha opción para converterse nunha obriga ética, social e económica” e, neste contexto, as comunidades enerxéticas están a demostrar que son quen de “transformar o modelo de produción, xestión e consumo de enerxía”. Entre as súas vantaxes, Varela recalcou que “democratizan a enerxía, permiten que a veciñanza, as empresas locais e as administracións compartamos recursos, reducen custos e xeran beneficios ambientais e sociais”. O alcalde de Vilagarcía tamén fixo fincapé na necesidade de colaboración entre administración local e rexional, cidadanía, asociacións, comunidades de montes, empresas e grupos de desenvolvemento rural para “facer fronte aos retos técnicos, xurídicos e económicos que presenta a promoción das comunidades enerxéticas”.
Balance de dous anos de traballo
Tras o acto de apertura, o congreso arrancou coa intervención de Antti Roose, da Universidade de Tartu, e Xavier Simón, catedrático da UVigo, investigador do Centro Interuniversitario de Investigación da Paisaxe Atlántica, Cispac e coordinador de EC4Rural. Ambos encargáronse de actualizar a evolución do proxecto, que ten unha duración total de catro anos e do que forman parte ademais da UVigo, a Universidade de Tartu (Estonia), a Federación Galega de Municipios e Provincias, a Asociación de Cidades e Municipios de Estonia, a Axencia Rexional da Enerxía de Tartu, a cooperativa Sapiens Energía, a Unión LEADER de Estonia, Espazocoop, a Fundación Juana de Vega e a Asociación Europea de Grupos LEADER para o Desenvolvemento Rural, de Bélxica. O proxecto comprende a posta en marcha en Estonia e España de comunidades enerxéticas rurais que produzan electricidade mediante paneis fotovoltaicos sobre tellados de edificios públicos. Está previsto o desenvolvemento de 34 casos de estudo en 12 municipios rurais de Estonia e 22 de Galicia, o que implica actuar sobre preto de 2700 hectáreas e 94.000 habitantes.
O proxecto, explicaba Xavier Simón, baséase en tres piares fundamentais. Por unha banda, traballar “de abaixo a arriba, xa que a transición cara a enerxía limpa debe basearse na cooperación activa a nivel local, impulsada polas comunidades enerxéticas locais”. Por outra banda, trabállase asumindo que “non existe unha única solución aplicable para todos os casos”, senón que se deben adaptar as propostas a cada circunstancia e lugar e, finalmente, o consorcio aposta por traballar de xeito colaborativo e compartir o coñecemento.
Non obstante, tras os dous primeiros anos de traballo, recoñecía Simón, “desafortunadamente non estamos no punto no que agardábamos estar, fómonos atopando atrancos, pero tamén aprendendo deles”. Estes problemas están maioritariamente derivados da características destas contornas rurais, como a dispersión da poboación, o envellecemento, o baixo nivel de vida ou a redución da superficie agrícola. Pola contra, apuntaban, Simón e Roose, estas contornas rurais son ricas en recursos naturais que, como no caso da enerxía solar, son “de balde” e ofrecen espazos nos tellados dos edificio público para a instalación das tecnoloxías precisas “sen ter que competir con outro tipo de usos”. Ademais, ambos expertos sinalaron que a fotovoltaica é “unha tecnoloxía barata, máis do que era hai 15 anos”, e que se conta cunha serie de marcos legais europeos, con transposicións a nivel estatal, que amparan a creación deste tipo de comunidades. O único elemento que falta nesta ecuación, engadían, é a implicación da cidadanía, “esa é a principal barreira que nos estamos atopando, necesitamos que a xente comece a tomar decisións en cuestións enerxéticas”.
No que se refire á creación das comunidades enerxéticas nos 22 concellos galegos implicados no proxecto, “atópanse en diferentes niveis de desenvolvemento e tan só en dous deles comezou o proceso de implementación das comunidades enerxéticas: Moeche e Vilasantar. Neste sentido, Simón considera necesario seguir traballando no marco do consorcio para ir derrubando as barreiras e avanzar cara o obxectivo de EC4Rural: o desenvolvemento destes 34 pilotos en Galicia e Estonia que deberán servir como “semente para a súa futura replicabilidade, non só nas rexións participantes, senón tamén a nivel europeo”.
Reunión anual do proxecto este xoves e venres
A conferencia continuou ao longo da xornada e, aproveitando a súa celebración no campus, mañá xoves e pasado venres a Facultade de Ciencias Económicas acollerá a xuntanza anual do proxecto EC4Rural coa participación de representantes de todas as entidades no consorcio. O programa de traballo inclúe tamén unha visita ao Concello do Rosal, que participa nun dos pilotos do proxecto.
