Nunha reunión do proxecto europeo 'New (s) disaster', do que forma parte a UVigo
Especialistas de catro países avalían no campus como mellorar a cobertura xornalística das catástrofes
O seu obxectivo é deseñar recursos formativos para profesionais
Financiado polo programa Erasmus+, o proxecto 'New (s) Disaster' ten como obxectivo mellorar a cobertura xornalística de catástrofes como terremotos, incendios ou inundacións, a través da creación dunha serie de recursos formativos dirixidos a profesionais. Coordinado pola Selçuk University de Turquía, no proxecto participan investigadores da Facultade de Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, que acolle este mércores e xoves a terceira reunión transnacional do proxecto. Esta reúne no campus de Pontevedra unha vintena de investigadoras e investigadores de Turquía, Eslovenia, Ucraína e España.
“Nun contexto no que as catástrofes case se converteron en parte da vida cotiá, as actividades dos xornalistas cualificados sobre desastres tornáronse vitais para reducir os seus efectos negativos nas sociedades”, salientan os responsables dun proxecto financiado con preto de 250.000 euros pola convocatoria para asociacións de cooperación na educación superior do programa Erasmus+. Co propósito de pór o foco no papel que o xornalismo pode xogar tanto en materia preventiva como na “recuperación dos desastres”, o proxecto Disaster Journalism: 'Preventing the News from Turning into a Disaster' céntrase no deseño de actividades e recursos formativos tanto para estudantes deste ámbito como para profesionais.
Investigador principal do proxecto na UVigo, o profesor da Facultade de Comunicación Javier Abuín destaca que, se ben o “obxectivo primeiro é que os profesionais estean máis capacitados e conten con máis ferramentas para cubrir desastres”, trátase dunha iniciativa que busca tamén ser “útil para a sociedade” é contribuír á xeración de contidos informativos “menos sensacionalistas”, xurdidos do “contacto coas vítimas”.
Dous días de traballo en Pontevedra
Iniciado en 2024, en 'New (s) Disaster' participan a Selçuk University, o municipio metropolitano de Konya e o Consello Superior de Radio e Televisión de Turquía, a Universidade de Primorska (Eslovenia), e a Universidade Nacional Taras Shevchenko de Kiev, xunto coa UVigo, da man de Abuín e do catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Martín López Nores, así como dos técnicos José Luís Andrés e Óscar González.
Representantes das diferentes institucións socias iniciaron este mércores na Casa das Campás unha serie de reunións de traballo, dirixidas a afondar nas diferentes áreas dun proxecto coordinado polo profesor da Selçuk University Abdulkadir Gölkü. Estas víronse precedidas por un acto de benvida no que a vicerreitora Eva María Lantarón explicoulles que o campus de Pontevedra atópase traballando para acadar “a acreditación como campus da creatividade” e que a comunicación é unha das "áreas troncais” do proxecto Campus Crea. “Por iso, para nós é importante que no noso campus se desenvolvan actividades como esta", subliñou no apertura dun encontro que se traslada este xoves á Facultade de Comunicación, onde as e os participantes serán recibidos pola decana, Emma Torres.
Formación e divulgación
Un dos traballos abordados nesta xuntanza foi o desenvolvemento dun currículo formativo a partir do cal os diferentes socios están a traballar na preparación dun curso sobre xornalismo de desastres que se implantará en Turquía ao longo dun semestre. Os contidos desta actividade reuniranse á súa vez nun libro, editado en varios idiomas, e a súa definición tivo como punto de partida a enquisa realizada a 876 estudantes, académicos e profesionais do xornalismo destes catro países.
O proxecto abrangue tamén o desenvolvemento de “guías éticas, prácticas e de seguridade” sobre a cobertura de desastres naturais e causados polo ser humano, que darán lugar a podcast, infografías interactivas e vídeos curtos “para facilitar o seu uso e difusión por parte de xornalistas, editores autónomos e usuarios de redes sociais”. Estes contidos dixitais serán desenvolvidos de feito polos participantes da UVigo, responsables desta área de traballo. Así mesmo, co obxectivo de dar a coñecer os diferentes recursos, en 2026 desenvolverase tanto unha xornada de peche como actos de presentación dos resultados a xornalistas dos catro países representados no proxecto.