DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade organiza no municipio unha reunión do proxecto europeo ‘In Common Sports’

Especialistas de cinco países avalían en Sanxenxo medidas para potenciar o deporte entre as persoas maiores

No encontro abordouse o estudo que o grupo HealthyFit realiza na localidade

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Deportes
  • Divulgación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 02/05/2019

O grupo de investigación HealtyFit, da Facultade de de Ciencias da Educación e do Deporte, é un dos socios do proxecto europeo In Common Sports (Intergenerational Competition as Motivation for Sport and Healthy Lifestyle of Senior Citizens), que ten como obxectivo central a análise dos factores que motivan ás persoas maiores a realizar deporte e actividade física e no que participan institucións académicas e municipais de España, Portugal, Italia, Hungría e Bulgaria. Liderado pola Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira e cofinanciado polo programa comunitario Erasmus+, Sanxenxo e Pontevedra acollen nas xornadas de xoves e venres a quinta reunión transnacional deste proxecto, na que os e as participantes puideron coñecer tamén o estudo que os investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo realizan con preto de 80 participantes no programa de actividade física para persoas maiores que desenvolve o Concello de Sanxenxo.

Representantes da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira e dos municipios de Viana do Castelo e Ponte de Lima, do Instituto Politécnico de Viana do Castelo, do municipio italiano de Cesena, da asociación Zoldpont húngara e do municipio búlgaro de Aksakovo, ademais dos investigadores e investigadoras do grupo HealtyFit, participan neste quinto encontro transnacional de In Common Sports, que arrincou este xoves cunha recepción no Concello de Sanxenxo, na que participaron o alcalde da localidade, Telmo Martín, e o presidente da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira. Os e as 20 participantes nesta reunión de traballo tamén participan, na tarde deste xoves, nun encontro co vicerreitor do campus, Jorge Soto, mentres que na xornada do venres abordarán as diferentes liñas de traballo que engloba o proxecto nunha serie de reunións no Auditorio Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo.

Sanxenxo sumarase ás olimpíadas interxeneracionais

Trala recepción no Concello, os e as participantes puideron coñecer o programa de adestramento que Sanxenxo desenvolve con preto de 135 persoas maiores “que realizan un programa de adestramento físico de forza e resistencia aeróbica”, explica José María Cancela, investigador principal do grupo HealtyFit, que, coa colaboración deste concello, desenvolve con este grupo un dos estudos que se insiren neste proxecto. Concretamente, o grupo realizou con 79 das e os participantes unha avaliación inicial consistente “nunha valoración do equilibrio, dos niveis de forza muscular, composición corporal, unha proba de resistencia aeróbica e tests de deterioro cognitivo, motivación cara a práctica deportiva e de saúde xeral”, explica. “Este é o punto de partida, a diagnose inicial para ver como evoluciona a súa condición física”, sinala o investigador dunha análise que abrangue por unha banda a un grupo de máis de 50 persoas que, despois do verán, representará á Sanxenxo nas “olimpíadas interxeneracionais” que se levarán a cabo en Portugal, xunto cun grupo de control de 25 persoas “que realiza o adestramento, pero que non vai participar nas competicións, xa que un dos obxectivos do programa é ver se a práctica deportiva de competición os motiva máis ou menos á hora de facer os programas de exercicios”.

Nese senso, In Common Sports ten como precedente Olympics4All, un proxecto de deporte para sénior impulsado en 2015 por Vila Nova de Cerveira e no marco do que desenvolveron unha serie de competicións deportivas nas que participaron máis de 300 persoas en representación dos dez municipios da rexión de Viana do Castelo. Neste 2019, á competición sumarase este grupo procedente de Sanxenxo atópase xa preparando as diferentes competicións desta cita, que engloba competicións de baloncesto, voleibol ou fútbol sala adaptado, así como torneos de xogos populares como bolos ou petanca. 

20 participantes de cinco países

Analizar conxuntamente “como se están desenvolvendo os diferentes programas de actividade física” por parte dos diferentes socios do proxecto constituía outro dos obxectivos centrais da primeira xornada deste encontro, que continúa o venres cunha serie de grupos de traballo nos que se abordará, en primeiro termo, a coordinación do propio proxecto, para logo afondar nas cinco áreas de traballo que coordinan os diferentes socios, como a comunicación e difusión, os estudos de condición física e cognitiva das persoas, a compilación de boas prácticas, o propio desenvolvemento das “olimpíadas internxeneracionais” e o control de calidade do proxecto, tarefa que coordina o grupo HealtyFit, representado nesta xuntanza por Irimia Mollinedo, Karina Pereira, Lorenzo Romangoli, Iris Mahado e Helena Vila, ademais de polo propio Cancela. Xunto aos investigadores e investigadoras do campus, o encontro contou coa participación da coordinadora do proxecto, Manuela Ferreira, e de Olga Pontedeira e Nuno Silva, en representación de Vila Nova de Cerveira; Pedro Bezerra, Miguel Camoes e Bruno Guisande, de Viana do Castelo; Miguel Ferraz, do municipio de Ponte da Barca; Luisa Arrigoni, de Cesena; os húngaros Péter Cziráki, Márton Dvorák e Zsanett Janicsák, e as representantes do municipio búlgaro de Aksakovo Neli Petrova e Stefani Yordanova.