DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con motivo do Doctorial da AE-IC, dirixido a dar visibilidade ao traballo dos novos investigadores

Especialistas en comunicación de toda España reuniranse a vindeira semana no campus

Este encontro verase precedido por unha xornada sobre o impacto da desinformación na esfera local

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
DUVI Pontevedra 07/06/2023

Como un “lugar de encontro e diálogo” entre os novos e novas investigadores no ámbito da comunicación presenta a AE-IC (Asociación Española de Investigación en Comunicación) o seu IV Doctorial, un evento que terá lugar os días 15 e 16 de xuño no campus e que se verá precedido, o martes 13, por unha xornada sobre o impacto da desinformación no ámbito local, promovida polo Grupo de Traballo de Comunicación Política da AE-IC e polo proxecto de investigación Fakelocal, que coordina o grupo CP-2 da Facultade de Comunicación.

A cuarta edición do Doctorial. Taller iberoamericano de investigación en comunicación servirá tamén, segundo informou a AE-IC, como espazo de difusión dos resultados do VIII Congreso Internacional desta asociación, celebrado o pasado ano na Universitat Autónoma de Barcelona. Coa participación de investigadores e investigadores de diferentes universidades españolas, este taller busca “dar visibilidade e proxección” aos novos e novas investigadores, ofrecendo ao alumnado de doutoramento un espazo de formación e debate sobre temas específicos, xunto con talleres nos que expoñer as súas liñas de traballo. Nese senso, está previsto o desenvolvemento de sete talleres, agrupados en diferentes bloques temáticos coincidentes coas seccións da AE-IC, nos que exporán as súas liñas de traballo preto de 40 investigadores e investigadoras.

Promovido pola AE-IC e a Facultade de Comunicación, coa colaboración do Consello Social da UVigo, o Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial, na primeira xornada deste foro terá lugar tamén un panel sobre achegas feministas á investigación en comunicación, coa participación da profesora da Autónoma de Barcelona e presidenta da AE-IC, Rosa Franquet, e das docentes Ruth de Frutos e Iolanda Tortajada, das universidades de Málaga e Rovira i Virgili, respectivamente. Na xornada de venres, outro panel porá o foco nos métodos dixitais, completándose o evento coa entrega do Premio Joven a la Investigación en Comunicación Enrique Bustamante. 

A desinformación no ámbito local

Tamén da man da AE-IC e máis concretamente do seu Grupo de Traballo en Comunicación Política, que coordinan o profesor da facultade pontevedresa Xosé Rúas e a docente da Universitat Jaume I Laura Alonso, este centro do campus acolle o vindeiro martes unha xornada que permitirá coñecer diferentes proxectos de investigación centrados na desinformación e a difusión de noticias falsas e, máis concretamente, no seu “o impacto no ámbito local”, como explica Rúas. Este foro enmárcase de feito nas actividades do proxecto Fakelocal, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, que coordinan Rúas e a tamén investigadora do grupo CP2 Ana Belén Fernández Souto e ten como obxectivo analizar os efectos das noticias falsas e boatos na esfera política autonómica e local. A xornada impúlsase así mesmo coa colaboración do proxecto Medios audiovisuales públicos ante el ecosistema de las plataformas: modelos de gestión y evaluación del valor público de referencia para España, Valcomm, que coordina a Universidade de Santiago de Compostela e no que participan tamén diferentes docentes da UVigo.

Aberto ao público, este foro permitirá coñecer as visións e investigacións de diferentes expertos e expertas sobre un “tema de grande interese e preocupación, que afecta a institucións e medios de comunicación e que está provocando un grande impacto na sociedade”, como destaca a AE-IC. Ese é o caso do proxecto europeo Iberifier, que coordina a profesor da Universidad de Navarra Ramón Salaverrría, responsable da conferencia inaugural, centrada na desinformación en Europa. A continuación, a investigadora da Universidad de Valladolid Eva Campos porá o foco na desinformación parlamentaria e o seu impacto na axenda local, mentres que o terceiro relatorio centrarase no proxecto Valcomm, da man da investigadora Sara Pérez Seijo, “que falaranos de desinformación en televisións públicas”, apunta Rúas.

Xa pola tarde terá lugar unha mesa redonda sobre as “novas formas e audiencias” no referido á difusión de noticias balsas e boatos a través das redes sociais e a xornada continuará coa presentación dos avances do proxecto DEBATrue, coordinado tamén por Rúas e Fernández Souto e financiado do Ministerio de Ciencia e Innovación. Dirixido a xerar unha plataforma web de verificación de información orientada ao debate político, Rúas e o tamén investigador da UVigo Andrés Mazaira presentarán neste encontro os avances desenvolvidos no marco deste proxecto, como a posta en marcha “dunha caixa de ferramentas” para a busca e verificación de información ou unha serie de recursos didácticos, á vez que afondarán nos avances no traballo para a xeración duns “motores de busca que queremos conectar con intelixencia artificial”, explica Rúas. Por último, a xornada pecharase cun relatorio do investigador da Universitat Jaume I Andreu Casero, quen “presentará un panorama sobre a investigación, transferencia e innovación” neste eido en España.