DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impulsada desde a UVigo, céntrase na formación e investigación en parentalidade positiva

Especialistas de diferentes ámbitos reúnense nunha asociación que busca axudar “no reto diario da crianza”

Coa participación de docentes das tres universidades públicas galegas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 12/06/2026

Nacida na Universidade de Vigo, a Asociación para a Investigación e a Formación en Intervención Familiar Positiva (Aifap) reúne investigadores e investigadoras de diferentes áreas co obxectivo de “servir ás familias, axudándoas, con todo o coñecemento que achega a investigación científica, no reto diario da crianza”, sinala a súa presidenta, Verónica Sánchez. Integrada por persoal investigador das tres universidades públicas galegas, entre os seus impulsores e impulsoras atópanse “especialistas de primeiro nivel nos campos da intervención familiar positiva, ruptura de parella, colaboración familia-escola, consumo de substancias e condutas de risco”, destaca Sánchez, doutora pola UVigo e integrante da Cátedra Unesco Educación Transformadora: Ciencia, Comunicación e Sociedade.

Constituída por investigadores e investigadoras de diferentes centros da UVigo, así como por especialistas doutras universidades e pola representante dunha ANPA, Aifap bota a andar co obxectivo de promover a formación en parentalidade positiva, un conxunto de principios orientados a que o comportamento das e dos proxenitores estea fundamentado no interese superior das nenas, nenos e adolescentes. “Entendendo a educación dende o respecto, o coidado, o apoio mutuo e sen violencia”, salienta Sánchez, esta asociación centrará a súa actividade no “impulso da formación positiva da parentalidade”, tendo o seu principal foco de acción nos centros educativos.

Sánchez encabeza a xunta directiva dunha asociación que ten na investigadora da Universidade da Coruña Silvia López a súa vicepresidenta e da que forman parte tamén os investigadores e investigadoras da UVigo Manuel Isorna, Helena Vila, Xesús Lage e Francisca Fariña, así como a catedrática da Universidade de Santiago de Compostela Dolores Seijo, a profesora da Universitat Internacional de Valencia Bárbara Castro e a investigadora da UDC Laura Hermo. 

Unha rede de centros educativos

Xurdida á iniciativa da catedrática de Psicoloxía Básica e Psicoloxía Xurídica do Menor da UVigo Francisca Fariña, Aifap ten no traballo nos centros de ensino “un dos eixes principais de actuación”, como destaca Sánchez. A asociación busca nese senso promover “escolas de parentalidade positiva” nos centros educativos, “que funcionen como espazos de axuda e acompañamento ás familias”, nas que desenvolver “programas estruturados de apoio á crianza, baseados en evidencias e prácticas contrastadas”. Nesa mesma liña, busca promover tamén “unha rede de centros educativos que traballen nesta liña, co obxectivo de compartir experiencias, coordinar actuacións e establecer pautas común de intervención”. Do mesmo xeito, entre os seus obxectivos figura tamén impulsar a colaboración con asociacións de nais e pais e con profesionais dos ámbitos social, sanitario e xurídico.

No referido á investigación, Aifap buscará tanto “o desenvolvemento de iniciativas propias como a colaboración con grupos de investigación”, ao tempo que fomentará o traballo en rede “con universidades, centros educativos e outras entidades de investigación e intervención”, como a Cátedra Unesco Educación Transformadora: Ciencia, Comunicación e Sociedade da UVigo, á que se vincula esta asociación, co obxectivo de contribuír, apunta a súa presidenta, ao impulso de “seminarios permanentes” que constitúan “espazo estables de formación, reflexión e intercambio científico”.