DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terá lugar os días 27 e 28 de marzo na Facultade de CCSS e da Comunicación

Especialistas de diferentes países lusófonos participarán no Congreso de Estudos Internacionais de Galicia

Organizado pola Área de Ciencia Política e da Administración e o Igadi

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Internacional
  • Lingua Galega
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 12/03/2019

Especialistas de Galicia, Portugal, Brasil, Cabo Verde e Timor Leste tomarán parte, os días 27 e 28 de marzo, nos debates que o III Congreso de Estudos Internacionais de Galicia articulará na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación respecto do papel que a comunidade galega pode xogar no espazo da lusofonía. Organizado pola Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza G3 da Universidade de Vigo e o Instituto Galego de Estudos Internacionais (Igadi) o congreso porá o foco nun dos “principais bloques internacionais onde Galicia pode ter presenza e oportunidades de retorno”, como salientou o director do Igadi, Daniel González Palau, na presentación do programa deste foro.

“Desde o punto de vista institucional para nós son moi importantes estratexicamente este tipo de eventos, porque veñen a significar reunir a través da lingua, da cultura, da política, a máis de 250 millóns de persoas que, dalgunha forma, teñen no mundo intereses comúns”, engadiu o vicerreitor do campus, Jorge Soto, na presentación que tivo lugar en CCSS e da Comunicación, na que incidiu tamén en que Galicia conta con “fortalezas importantes no ámbito internacional”, motivo polo que a Universidade “ten que captar todos eses intereses e sinerxías que van ser fundamentais”. O investigador da Área de Ciencia Política e da Administración e codirector do congreso, Álvaro Xosé López Mira, incidiu tamén na “transcendencia” do tema central dun congreso que leva por título Galicia e a lusofonía diante dos desafíos globais e que se enmarca na liña de colaboración entre o Observatorio da Gobernanza, o grao en Dirección e Xestión Pública e a Universidade co Igadi. Con inscrición gratuíta, o congreso que mantén aberto tamén o prazo de presentación de comunicacións insírese así mesmo, lembrou López Mira, “na dinámica do Campus Crea”. 

Economía, cultura, política e xeopolítica

A directora do Centro de Lingua Portuguesa do Instituto Camões en Madrid, Filipa Soares, será a responsable, o mércores 27, de impartir a conferencia inaugural dun congreso articulado en catro mesas de debate. A primeira delas, centrada no eido da política contará coa participación dos deputados autonómicos César Fernández (PPdeG), Luís Villares (En Marea), Concepción Burgo (PSdeG-PSOE) e Olalla Rodil (BNG).

Xa na segunda xornada, o congreso celebrará unha sesión económica na que participarán Hakan Casares, coordinador do Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura Galega; Luz Castro, de Imaxin Software, e o analista brasileiro Wesley Sá Teles Guerra, fundador do Centro de Estudos das Relações Internacionais, “un especialista en relacións internacionais que fará un achegamento específico ás potencialidades das relacións económicas de Galicia con Brasil”. A continuación, terá lugar a sesión sociocultural, coa presenza de Luzia Oca, da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, o avogado e escritor caboverdiano Germano Almeida, Premio Camões de novela en 2018 e o investigador da USC e ex-presidente da Associação Internacional de Lusitanistas Elias Torres. Por último, a mesa sobre xeopolítica reunirá ao investigador da Universidade do Porto João Casqueira, a investigadora da Universidade Nova de Lisboa María Sousa Galito e a Luis Cardoso, “o escritor de Timor Leste vivo máis citado e mito da independencia timorense”, apuntou González Palau.

O director do Igadi salientou así mesmo a colaboración, na moderación das mesas, da Rede Galega de Empresa, o Consello da Cultura Galega e a Academica Galega de Lingua Portuguesa, estas dúas últimas entidades, “os dous observadores consultivos galegos dentro da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa”. Colaboracións que contribúen a construír “máis aló dun debate académico, un foro cívico tamén”, engadiu González Palau, quen salientou así mesmo que o congreso enmárcase no quinto aniversario da aprobación no Parlamento de Galicia da Lei Paz Andrade, eixo da conferencia de clausura a cargo do empresario Xosé Carlos Morell, responsable de presentar a iniciativa cidadá da que partiu a aprobación desta lei. “É un bo momento para reivindicar esta lei, poñela na axenda e que os axentes políticos, sociais e institucionais sexan conscientes do tremendo espazo que a lusofonía nos abre no mundo e do papel de Galicia como conector desde a península co mundo da lingua portuguesa”, salientou. 

Transferir ao local e ao global

O congreso conta co apoio tanto da Universidade de Vigo, como da Deputación de Pontevedra, Concello de Pontevedra e Xunta de Galicia e será retransmitido en directo a través de UVigo-TV co propósito de contribuír, como sinalou López Mira, á “transferencia do coñecemento a nosa contorna, que hoxe xa non é só local, senón simultaneamente local e global”. Nese senso, o codirector do congreso xunto a González Palau e ao tamén investigador da facultade Celso Cancela, enmarcou este foro no traballo que o Observatorio da Gobernanza G3 desenvolve no eido da “transferencia á sociedade civil, que consideramos imprescindible na Universidade do século XXI”. Así mesmo, López Mira apuntou que as actas do congreso serán recollidas nun libro editado polo Servizo de Publicacións da Universidade.