DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase de garantir que cumpre con todos os requisitos que se esixen desde Europa

Especialistas de distintos ámbitos avalían os avances da misión espacial BIXO

Participaron representantes de distintas empresas e grupos de investigación de atlanTTic e Cinbio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 14/12/2022

Garantir que a misión espacial BIXO (Bacteriological Intercommunication eXperiment in Orbit)), impulsada pola asociación de estudantes UVigo SpaceLab, cumpre con todos os requisitos aplicables ao desenvolvemento de proxectos espaciais europeos para, así, poder iniciar xa a creación de modelos para o seu testeo e a súa posterior fabricación final. Con este obxectivo especialistas de moi distintos ámbitos, tanto de empresas como de grupos de investigación, participaron este mércores na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación nunha xuntanza na que os líderes do proxecto, encabezados por Manuel Diz Folgar, expuxeron todo o traballo realizado ata a data ao abeiro desta misión.

Déronlles a benvida a vicerreitora de Comunicación e Relacións Instucionais, Mónica Valderrama; a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Rebeca Díaz, e o director do centro de investigación atlanTTic, Martín Llamas. Os tres manifestaron o seu “orgullo” por unha iniciativa na que os estudantes son os auténticos protagonistas e que segue a estela, tal e como lembrou Díaz, dunha traxectoria aeroespacial que se iniciou nesta escola no ano 2007 da man do profesor Fernando Aguado, investigador implicado directamente no seguimento deste proxecto e un dos asistentes á xuntanza.

Na revisión do proxecto –Preliminary Requirements Review, PRR- participaron empresas de distintos sectores, entre elas tres das firmas que patrocinan a misión: DHV Technology, dedicada ao deseño e fabricación de paneis para aplicacións aeroespaciais; UARX Space, provedora de solucións de lanzamento, e a spin-off da Universidade de Vigo Alén Space, especialista no desenvolvemento de hardware e software para pequenos satélites. Desde o ámbito universitario participaron responsables de distintos grupos de investigación, tanto de atlanTTic como do Cinbio, xa que, tal e como se lembrou durante a xuntanza, na misión BIXO o ámbito biotecnolóxico ten un importante peso, non en van o principal obxectivo é analizar os efectos reais da exposición prolongada dos microorganismos ao medio espacial.

Deseños preliminares de todos os subsistemas do satélite

Os responsables do equipo, composto na actualidade por preto de 40 estudantes de diferentes graos, presentaron ante os participantes na xuntanza os deseños preliminares de todos os subsistemas do satélite, desde onde se asenta o sistema básico en termos de software, mecánica, distribución de enerxía, xestión térmica e deseños electrónicos ata carga computacional e ferramentas de desenvolvemento, entre outros detalles. Analizaron tamén as simulacións e prototipos deseñados e fabricados ata o de agora, entre eles a antena de banda S, as tarxetas microfluídicas ou a estrutura 2U, xunto cos ‘budgets’, tanto de datos xerados como de consumos enerxéticos dos diferentes subsistemas do satélite. A maiores, presentaron tamén estimacións preliminares de peso, consumo de enerxía e volume.

“Pouco a pouco a carga útil que se verá en órbita no 2024 vai collendo forma”

“Pouco a pouco a carga útil que se verá en órbita no 2024 vai collendo forma”, apuntou Manuel Diz, ao tempo que explicou que ao longo destes últimos meses o Departamento de Microfluídica estivo comprobando os prototipos dos chips microfluídicos fabricados pola empresa B-Flow, unha das patrocinadoras do proxecto. Así mesmo, realizáronse tamén probas de resistencia a presión e baixas temperaturas para estudar a mecánica de funcionamento das tarxetas, así como das placas electrónicas que portarán os espectómetros para a recolección de datos deste particular experimento biolóxico.

Desde a perspectiva biolóxica, leváronse a cabo probas para a determinación da cantidade mínima de liófilo -“bacterias en estado de inactividade por conxelación e sublimación dos seus líquidos”- necesaria para asegurar que existe crecemento, así como o intervalo de temperaturas viables.